Arte de Galicia
From Wikipedia, the free encyclopedia
A arte de Galicia tivo unha evolución paralela á do resto da arte europea, seguindo de formas diversas as múltiples tendencias que se teñen producido no contexto da historia da arte occidental. A historia da arte galega mostra as manifestacións culturais e artísticas ao longo do tempo dende os primeiros asentamentos humanos até a actualidade. Dende o paleolítico á cultura contemporánea, a arte feita en Galicia ten certas características propias, alimentada polas correntes traídas por outros pobos. A arte sempre foi un dos principais medios de expresión do ser humano, a través da cal expresa as súas ideas e sentimentos, o xeito de relacionarse co mundo. A súa función pode variar dende a máis práctica ata a máis ornamental, pode ter contido relixioso ou simplemente estético, pode ser duradeira ou efémera.
Ao longo da historia, Galicia acolleu diversas culturas e civilizacións, que achegaron o seu concepto de arte e deixaron o seu legado. Cada período histórico tivo unhas características concretas e definibles, comúns a outras rexións e culturas, ou ben únicas e diferenciadas, que foron evolucionando co devir dos séculos.
A arte galega é froito da diversa amálgama social e cultural achegada polos diversos pobos que habitaron o seu territorio: os primeiros poboadores prehistóricos deron paso á cultura castrexa xurdida na idade dos metais, estes convivirían máis tarde cos colonizadores romanos procedentes do Mediterráneo, que converterían a Gallaecia nun territorio máis do seu imperio; tras a caída deste, en Galicia os suevos fundaron o primeiro reino medieval europeo, que despois caeu baixo a dominación do reino visigodo. Na Idade Media, durante a invasión islámica da Península Ibérica (que apenas deixou pegada no territorio galego), xorde a cultura galego-portuguesa como entidade propia e definida, cunha lingua propia herdeira do latín e a consolidación do Reino de Galicia. Foi esta unha época de esplendor da arte galega, sendo o románico un período moi frutífero para o desenvolvemento artístico do territorio. Durante a Idade Moderna, baixo o poder da coroa española e a sucesión de crises económicas e culturais, a arte entra en certa decadencia, polo que o renacemento non é un período destacable na historia da arte galega. Todo o contrario sucede co barroco, que tivo en Compostela un desenvolvemento orixinal e xenuíno. Dende o século XIX, coa revitalización cultural que supuxo o Rexurdimento, Galicia é influída polos movementos artísticos e culturais que marcaron Europa, como o modernismo. Finalmente, xa no século XX houbo unha xeración de artistas que crean unha escola galega que conecta coas correntes internacionais, con nomes como os de Francisco Asorey, Carlos Maside, Luís Seoane, Maruxa Mallo ou Isaac Díaz Pardo.