Campionato do Mundo de Atletismo 2007
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Campionato do Mundo de Atletismo de 2007 celebrouse na cidade xaponesa de Osaca dende o 24 de agosto ao 2 de setembro de 2007, no estadio de Nagai. Foi a undécima edición dos mundiais de atletismo, dende a súa creación en Helsinqui en 1983. Foi ademais a segunda edición dos mundiais en Asia, e tamén a segunda no Xapón, logo de Toquio (mundiais de 1991). Competiuse en 47 disciplinas, 24 masculinas e 23 femininas.
A mascota do evento, chamada Traffie, é unha labarada azul ao estilo do manga e representa a enerxía e vitalidade do pobo xaponés. O nome deriva das palabras inglesas track e field, que é o nome co que se coñece o atletismo. O logotipo oficial baséase na aparencia dun cronómetro dixital, O:SA’KA’’ 2007, onde o O representa as horas, SA os minutos e KA os segundos.
A designación de Osaca anunciáraa a IAAF o 16 de novembro de 2002, logo de que as outras cidades concorrentes Budapest e Berlín retirasen as súas candidaturas.