Carl von Linné
científico, médico, botánico e zoólogo sueco / From Wikipedia, the free encyclopedia
Carl Linnaeus,[nota 1] (en sueco: Carl Nilsson Linnæus, latinizado como Carolus Linnaeus,[1][nota 2] tamén coñecido logo do seu ennobrecemento como Carl von Linné), nado o 23 de maio[2][nota 3] de 1707 en Råshult (na antiga provincia de Småland) Suecia e finado o 10 de xaneiro de 1778[2] en Uppsala, foi un científico, médico, botánico e zoólogo sueco que estableceu os fundamentos para o esquema moderno da nomenclatura binomial. É recoñecido como «o pai da taxonomía moderna»[3] e fundador da bioxeografía vexetal.[4] Linné introduciu o concepto de «economía natural»[5] para argumentar como os organismos, creados por "Deus", se organizan entre si e contribúen ao perfecto funcionamento da natureza;[4][6] e o cal foi das primeiras nocións da ecoloxía.[6]
Linné realizou unha gran parte dos seus estudos superiores na Universidade de Uppsala e cara a 1730 empezou a dar conferencias de botánica. Viviu no estranxeiro entre 1735 e 1738, onde estudou e publicou unha primeira edición da súa Systema Naturae nos Países Baixos. De volta a Suecia converteuse en profesor de medicina e de botánica en Uppsala. Durante a década de 1740, realizou varias expedicións a través de Suecia para recoller e clasificar plantas e animais. Durante as décadas de 1750 e 1760, continuou recollendo e clasificando animais, plantas e minerais, publicando varios volumes sobre o tema.
No momento da súa morte era recoñecido como un dos científicos máis importantes en toda Europa. O filósofo suízo Jean-Jacques Rousseau envioulle a mensaxe: "Dígalle que non coñezo un home máis grande na Terra".[7] O escritor alemán Goethe escribiu: "Coa excepción de Shakespeare e Spinoza, non coñezo ninguén, entre os que xa non viven, que me influíse máis intensamente".[7] O autor sueco Strindberg escribiu: "Linné era en realidade un poeta que se converteu en naturalista".[8] Entre outros cumpridos, Linné foi chamado "Princeps Botanicorum" ("Príncipe de Botánicos"), "O Plinio do Norte" e "O Segundo Adán".[9] Así mesmo, é considerado heroe nacional de Suecia.[10]
En 1959, Linné foi designado lectotipo de Homo sapiens,[11] cousa que significa que segundo as regras de nomenclatura, Homo sapiens foi definido de xeito válido como a especie de animal á cal pertencía Linné.
En botánica, a abreviación de autor usada para indicar a Linné como autoridade para os nomes de especies é L.[12]
Se ignoras o nome das cousas, desaparece tamén o que sabes delas.Carl von Linné.[13]