Efecto bouba/kiki
From Wikipedia, the free encyclopedia
O efecto bouba/kiki foi descuberto polo psicólogo Wolfgang Köhler en 1929.[1] Nos seus experimentos levados a cabo na illa de Tenerife, onde o castelán é a lingua primaria, Köhler mostrou formas similares ás da imaxe da dereita a unha serie de suxeitos, e atopou unha forte preferencia a asociar a forma puntiaguda co nome «takete» e redondeada co nome «baluba» («maluma» na versión de 1947).[2]
No ano 2001, Vilayanur S. Ramachandran e Edward M. Hubbard repetiron o experimento usando as palabras «kiki» e «bouba» e preguntaron a unha gran cantidade de suxeitos «cal destas formas é bouba e cal é kiki?». Nestes experimentos conducidos tanto con falantes de inglés como de támil, 95 % a 98 % elixiron a forma redondeada como bouba e a puntiaguda como kiki, suxerindo que o cerebro humano dalgunha maneira extrae propiedades abstractas das formas e sons.[3] Un traballo recente por Daphne Maurer et al. mostrou que mesmo nenos de 2 anos e medio (demasiado pequenos para ler) mostran este efecto.[4]
Ramachandran e Hubbard suxiren que o efecto kiki/bouba ten implicacións para a evolución da linguaxe, porque suxire que o nomeamento dos obxectos non é completamente arbitrario.[3] Quizais se chame «bouba» á forma redondeada porque a boca fai un movemento máis redondeado para producir o son, mentres que necesita un movemento máis tenso e angular para producir o son de «kiki». Ademais, os sons da K son máis duros e fortes que os da B. A presenza destes «mapeos sinestésicos» suxire que este efecto pode ser a base neurolóxica para o simbolismo sonoro, no que os sons son mapeados a obxectos e eventos dunha maneira non arbitraria.
Os individuos con autismo non mostran unha preferencia tan forte. Mentres as persoas por termo medio concordan co resultado típico o 90 % das veces, os individuos con autismo só concordan o 60 % das veces.[5]
O estudo de animación Pixar no seu filme de 2015 Inside Out inclúe unha referencia ao efecto bouba/kiki cando os personaxes de Alegría e Tristeza entran no túnel de pensamento abstracto.[6]