Herma
From Wikipedia, the free encyclopedia
Na Grecia Antiga, unha herma (ἕρμα, plural ἕρμαι hermai, en grego), era un piar cadrado ou rectangular de pedra, terracota ou bronce (o estípite) sobre a que se colocaba un busto do deus Hermes, representado normalmente con barba. O piar era máis ancho por arriba que na parte inferior. Na base colocábase un falo en erección, símbolo de virilidade e disposición ás armas.
O nome do deus Hermes provén das hermas, e delas procede tamén o seu papel como protector de mercadores e viaxeiros, pois anteriormente fora un deus fálico asociado coa fertilidade e a sorte.
As hermas colocábanse nas rúas, portas e encrucilladas dos camiños como símbolo protector, e tamén como delimitadores de propiedades. En Atenas erguíanse fora das casas para atraer a boa sorte. Cada barrio tiña a súa herma e consérvanse vaixelas con pinturas que mostran sacrificios particulares realizándose diante delas.