Identificación biométrica
From Wikipedia, the free encyclopedia
A identificación biométrica é a aplicación das tecnoloxías da información para medir e analizar as características físicas e do comportamento humanas co propósito de autenticación.
A biometría é o estudo de métodos automáticos para o recoñecemento único de humanos baseado nun ou máis trazos condutuais ou físicos intrínsecos. O termo deriva das palabras gregas bios, vida, e metron, medida.
A biometría informática é a aplicación de técnicas matemáticas e estatísticas sobre os trazos físicos ou condutuais dun individuo, para verificar identidades.
As pegadas dactilares, a retina, o iris, os patróns faciais, de veas da man ou a xeometría da palma da man, representan exemplos de características físicas (estáticas). Entre os exemplos de características do comportamento inclúese a sinatura, o paso ou a dinámica de tecleo (dinámicas). A voz considérase unha mestura de características físicas e do comportamento, pero todos os trazos biométricos comparten aspectos físicos e do comportamento.
En xeral, a identificación por ADN non está considerada, aínda, como unha tecnoloxía biométrica de recoñecemento, principalmente por non ser aínda un proceso automatizado (tárdase algunhas horas en levar a cabo unha identificación por ADN).