Masacre de Boloña
From Wikipedia, the free encyclopedia
O masacre de Boloña (en italiano: Strage di Bologna), foi un atentado de natureza neofascista perpetrado o sábado 2 de agosto de 1980 ás 10:25, na estación ferroviaria 'Bologna Centrale', en Boloña. No atentado finaron 85 persoas e máis de 200 resultaron feridas. Trátase do acto terrorista máis grave acontecido en Italia após a segunda guerra mundial, ampliamente sinalado coma un dos derradeiros actos da "estrataxema da tensión".[1]
Masacre de Boloña | |
---|---|
A estación de Boloña trala explosión da bomba. | |
Lugar | Italia |
Coordenadas | 44°30′21″N 11°20′33″L |
Data | 2 de agosto de 1980 10:25 (UTC+2) |
Arma(s) | Bomba |
Mortos | 85 |
Feridos | 200 |
Perpetrador(es) |
|
[ editar datos en Wikidata ] |
Este é tamén un dos atentados máis graves cometidos durante os "anos de chumbo", xunto co masacre de Piazza Fontana do 12 de decembro de 1969, co masacre de Piazza della Loggia do 28 de maio de 1974 e co masacre do tren Italicus do 4 de agosto de 1974.
Como autores materiais foron identificados pola maxistratura algúns militantes de ultradereita, pertencentes aos Nuclei Armati Rivoluzionari (NAR), entre os cales se atopaban inicialmente Valerio Fioravanti e Francesca Mambro. Durante moito tempo os supostos autores intelectuais permaneceron descoñecidos, aínda que se detectaron conexións coa delincuencia organizada e cos servizos secretos desviados.[2] En 2020, a investigación da Fiscalía Xeral de Boloña concluíu que Paolo Bellini (ex Avanguardia Nazionale), executor xunto cos ex NAR xa previamente condanados, actuara en complicidade con Licio Gelli, Umberto Ortolani, Federico Umberto D'Amato e Mario Tedeschi, identificados como autores intelectuais, financiadores ou organizadores. Dado que todos estes últimos xa finaron, non se poderán executar accións xudiciais adicionais.[3]
As investigacións dirixíronse case de inmediato cara á pista neofascista, mais só após un longo proceso xudicial e numerosos intentos de afastar a atención, foron condanados Licio Gelli, Pietro Musumeci, Giuseppe Belmonte e Francesco Pazienza. A sentenza final de 1995 condanou a Velerio Fioravanti e Francesca Mambro "como membros do grupo armado que organizou e perpetrou o atentado de Boloña" e por "formar parte do grupo que organizou ese acto". En 2007 engadiuse a condena de Luigi Ciavardini, que aínda non acadara a maioría de idade no momento dos feitos, mentres que en 2020 se sumou tamén a de Gilberto Cavallini.[4]