Metabolismo dos ácidos graxos
From Wikipedia, the free encyclopedia
O metabolismo dos ácidos graxos é o conxunto dos procesos metabólicos nos que interveñen ou están estreitamente relacionados cos ácidos graxos, unha familia de moléculas dentro dos macronutrientes lipídicos. Estes procesos poden dividirse en dous grandes ramas: (1) procesos catabólicos que xeran enerxía, e (2) procesos anabólicos que proporcionan os bloques de construción que cómpren para sintetizar outros compostos.[1]
No catabolismo, os ácidos graxos son metabolizados para producir enerxía, principalmente en forma de adenosín trifosfato (ATP). Cando se comparan con outra clase de macronutrientes (carbohidratos e proteínas), os ácidos graxos contidos nos lípidos renden máis enerxía por gramo, cando son completamente oxidados a CO2 e auga por medio da beta-oxidación e o ciclo do ácido cítrico.[2] Os ácidos graxos (principalmente en forma de triglicéridos) son, por tanto, a principal forma de almacenamento de combustible na maioría de animais e, en menor medida, nas plantas.
No anabolismo, os ácidos graxos intactos son importantes precursores de triglicéridos, fosfolípidos, segundos mensaxeiros, hormonas e corpos cetónicos. Por exemplo, os fosfolípidos que forman as bicapas de fosfolípidos que constitúen as membranas (plasmática, nuclear, membranas de orgánulos) da célula orixínanse a partir de ácidos graxos e outros compoñentes. Noutras rutas metabólicas os ácidos graxos son modificados para formar outros compostos como segundos mensaxeiros e hormonas locais. As prostaglandinas fórmanse a partir de ácido araquidónico almacenado na membrana plasmática e probablemente son as hormonas de acción local mellor coñecidas.