Motocrós das Nacións
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Motocrós das Nacións, coñecido tradicionalmente como Motocross des Nations e a miúdo abreviado coas siglas MXDN, é a única proba que se corre por equipos no deporte individual que é o motocrós. A proba dispútase anualmente en setembro (unha vez rematados os campionatos da FIM e a AMA), sendo o principal evento da tempada internacional deste deporte.
O Motocrós das Nacións foi instaurado pola FIM en 1947,[1] antes que o Campionato Mundial de Motocrós e dende o inicio foi reservado para motos de 500 cc. Máis tarde, creouse o Trophée des Nations para motocicletas de 250 cc (celebrado entre 1961 e 1984), e a Coupe des Nations para motocicletas de 125 cc (de 1981 a 1984). En 1985, a FIM presentou un novo formato que combinou os tres trofeos nun só, que comprendía tres categorías (125, 250 e 500 cc) cun corredor de cada unha e tres carreiras por cada trofeo (125/500, 125/250 e 250/500), para que todos puideran competir entre si.
En 2003, a competición adoptou o novo sistema de categorías introducido ese ano nos mundiais (MX1 e MX2) e cambiou o seu nome oficial por Motocross of Nations (abreviado MXoN). Dende 2007, o evento chámase oficialmente Red Bull FIM Motocross of Nations, xa que desde ese ano a compañía de bebidas enerxéticas Red Bull converteuse en patrocinador oficial.