Núcleo (xeoloxía)
conxunto das súas capas máis internas dun planeta / From Wikipedia, the free encyclopedia
En xeoloxía, o núcleo (dun planeta) é o conxunto das súas capas máis internas que poden ser líquidas ou sólidas,[1] dependendo de factores como o tamaño, idade ou proximidade do planeta a súa estrela. O núcleo da Terra é en parte líquido, mentres que o núcleo de Marte pénsase que é sólido, dado que a maior parte do seu campo magnético desapareceu. Só un núcleo líquido pode xerar un campo magnético. No Sistema Solar, o tamaño do núcleo pode variar desde aproximadamente o 20% (Lúa) ao 85% do radio do planeta (Mercurio).
Os xigantes gasosos tamén teñen núcleos, aínda que a composición destes é aínda asunto de debate; a súa posible composición varía da tradicional mestura de rocha e ferro a xeo ou hidróxeno metálico fluído.[2][3][4] Son proporcionalmente moito máis pequenos que os dos planetas terrestres, aínda que poden chegar a ser considerablemente maiores que a mesma Terra. O de Xúpiter é de 10 a 30 veces máis pesado que a Terra[4] mentres que o exoplaneta HD 149026 b ten un núcleo 67 veces máis masivo.[5] Unha teoría pensa, por outra banda, que o asteroide 16 Psyche, composto exclusivamente de ferro e níquel, é o núcleo dun planeta cuxas capas exteriores foron destruídas por colisións masivas no cinto de asteroides situado entre Marte e Xúpiter.[6]