Pexego
froito do pexegueiro (Prunus persica) / From Wikipedia, the free encyclopedia
O pexego é o froito do pexegueiro (Prunus persica), da familia Rosaceae. Contén unha única e gran semente cuberta por unha casca dura, dentro dunha froita, de pel de veludo, que posúe unha carne que pode tirar a branco, amarelo, laranxa e incluso algo colorado; presenta un sabor doce e despide un delicado aroma.
Os pexegos, xunto coas cereixas, ameixas e albaricoques, son froitas de carabuña. Esta especie divídese en variedades cuxa carne se separa facilmente da carabuña e noutras nas que se adhire firmemente, como a variedade chamada pavía. As variedades de carne branca son tipicamente moi doces, con escaso gusto ácido e as máis populares de países como a China, o Xapón e os seus veciños asiáticos, mentres que as de carne amarela son preferidas nos países europeos e norteamericanos, posúen un fondo ácido, que se paladea xunto á dozura. A pel de ambas as variedades ten tons encarnados.