Pleiotropía
From Wikipedia, the free encyclopedia
En xenética, a pleiotropía [1] (do grego πλείων pleion, 'máis', e τρόπος tropos, "vía") é a propiedade que ten un xene de influír en dúas ou máis características fenotípicas sen relación aparente. Un xene que mostra múltiples expresións fenotípicas denomínase xene pleiotrópico. Unha mutación nun xene pleiotrópico pode ter un efecto sobre varios caracteres simultaneamente, debido a que o xene codifica un produto usado por multitude de células ou ten diferentes dianas que teñen a mesma función sinalizadora.
A pleiotropía pode orixinarse por diversos mecanismos que aínda que son diferentes poden solaparse, como a pleiotropía de xenes, pleiotropía do desenvolvemento, e pleiotropía seleccional. A pleiotropía de xenes ocorre cando un produto xénico interacciona con outras múltiples proteínas ou cataliza moitas reaccións. A pleiotropía do desenvolvemento ocorre cando as mutacións teñen múltiples efectos sobre o fenotipo resultante. A pleiotropía seleccional ocorre cando o fenotipo resultante ten moitos efectos sobre a fitness (dependendo de factores como a idade e o xénero).[2]
Un exemplo no que se observa pleiotropía é a fenilcetonuria, un trastorno xenético conxénito que afecta o nivel de fenilalanina, un aminoácido presente no corpo humano, que pode obterse dos alimentos. A fenilcetonuria causa que a cantidade deste aminoácido no corpo se incremente, o cal pode ser moi perigoso. A doenza é causada por un defecto nun só xene situado no cromosoma 12 que codifica o encima fenilalanina hidroxilase, que afecta múltiples sistemas, como o nervioso e o integumentario.[3] Tamén hai moitos exemplos de pleiotropía en animais, como en polos e ratos de laboratorio, por exemplo nos ratos que teñen o alelo "mini-músculo".
A acción dun xene pleiotrópico pode limitar a taxa de evolución multivariada cando a selección natural, selección sexual ou selección artificial nun carácter favorece un alelo, mentres que a selección noutros caracteres favorece outro alelo diferente. A evolución dalgúns xenes é daniña para o organismo. As correlacións xenéticas e as respostas á selección serven con frecuencia como exemplos de pleiotropía.