Ricardo III de Inglaterra
From Wikipedia, the free encyclopedia
Ricardo III de Inglaterra (Richard en inglés), nado o 2 de outubro de 1452 e finado o 22 de agosto de 1485, foi rei de Inglaterra dende 1483 até a súa morte. Foi o último monarca da casa de York; a súa derrota e falecemento en Bosworth supuxo a fin tanto dos Plantagenet como da guerra das Dúas Rosas e a vinda dos Tudor.
Shakespeare adicoulle unha das súas máis coñecidas traxedias. Á morte de Eduardo IV, irmán de Ricardo, sucedeulle o seu fillo Eduardo V, que por entón só contaba con 12 anos. Ricardo foi nomeado Lord Protector do novo herdeiro ata a súa coroación. O príncipe mozo foi conducido á Torre de Londres, onde se reuniu co seu irmán. Pero xusto antes de celebrarse a coroación, declarouse inválido o matrimonio do rei falecido, o que anulaba a posibilidade de que o sucedera no trono o seu fillo. No seu lugar foi coroado rei o irmán do monarca, Ricardo III, o 6 de xullo de 1483. Os dous rapaces non volveron aparecer en público, o que deu lugar á famosa lenda dos Príncipes da Torre.
Durante o seu reinado foi obxecto de varias revoltas na súa contra, tanto por partidarios do rei Eduardo IV como de aliados seus. Unha destas revoltas, a encabezada por Henry Tudor, rematou coa famosa batalla de Bosworth, onde Ricardo perdeu a vida. O seu corpo foi trasladado no lombo dun cabalo de carga de volta á cidade de Leicester, onde foi enterrado sen ningún tipo de honras.
O 4 de febreiro de 2013, un grupo de arqueólogos da Universidade de Leicester confirmaron definitivamente mediante probas de ADN que o esqueleto encontrado nunhas escavacións realizadas nun aparcadoiro da cidade era o seu.