Teoloxía
estudo da natureza de Deus, o divino e o sagrado / From Wikipedia, the free encyclopedia
Teoloxía é literalmente estudo de Deus (do grego θεος, theos, «Deus»; + λογος, logos, «estudo»).
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2015.) |
Este termo foi usado por primeira vez por Platón en «A República» para referirse á comprensión da natureza divina por medio da razón, en oposición á comprensión literaria propia dos seus poetas coetáneos. Máis tarde, Aristóteles empregou o termo en numerosas ocasións con dous significados:
- Teoloxía como a rama fundamental da ciencia filosófica, tamén chamada filosofía primeira ou ciencia dos primeiros principios, máis tarde chamada Metafísica polos seus seguidores.
- Teoloxía como denominación do pensamento mitolóxico inmediatamente previo á Filosofía, nun sentido pexorativo, e sobre todo usado para chamar teólogos aos pensadores antigos non-filósofos (como Hesíodo e Ferécides de Siros).
O termo teoloxía, xa que logo, non é inicialmente de orixe cristiá . Só a través dun proceso progresivo imponse tanto en Oriente como en Occidente o uso cristián do termo “teoloxía”. Para Clemente de Alexandría, indica o “coñecemento das cousas divinas”. Para Oríxenes expresa a “verdadeira doutrina sobre Deus e sobre Xesucristo como Salvador”. Corresponde a Eusebio de Cesarea o privilexio de aplicar por primeira vez o atributo theologos a Xoán o Evanxelista, xa que no seu evanxeo escribiu unha “eminente doutrina sobre Deus”. A partir del, a teoloxía indicará a verdadeira doutrina, a cristiá, en oposición á falsa doutrina que ensinaban os pagáns e os herexes.
O termo teoloxía é unha palabra composta que, no seu significado literal, pode indicar un falar de Deus, ou ben un discurso sobre Deus. Se en termos xerais a teoloxía é unha reflexión sobre Deus (e neste sentido existe tamén unha teoloxía filosófica), no sentido máis corrente da Igrexa Católica é unha reflexión que intenta coñecer e comprender a fe a partir da razón. Así pois, a teoloxía presupón a fe como fundamento experiencial e intenta nela e a través dela o coñecemento e a comprensión da fe. Noutras palabras, é unha actividade intelectual, metódica e crítica que presupón a adhesión á fe católica. Para indicala sinteticamente, resúmese a miúdo á fórmula de Anselmo: “Fides quaerens intellectum”: (a teoloxía é a vontade da fe de comprender).
Santo Agostiño tomou o concepto teoloxía natural (theologia naturalis) da grande obra «Antiquitates rerum divinatum», de M. Terencio Varrón, como única teoloxía verdadeira de entre as tres presentadas por Varrón: a mítica, a política e a natural. Sobre esta, situou a teoloxía sobrenatural (theologia supernaturalis), baseada nos datos da revelación e xa que logo considerada superior. A teoloxía sobrenatural, situada fose do campo de acción da Filosofía, non estaba por baixo, senón por encima desta, e considerábaa a súa serva, que a axudaría na comprensión de Deus.
Teodicea é un termo empregado actualmente como sinónimo de teoloxía natural. Foi creado no s. XVIII por Leibniz como título dunha das súas obras: «Ensaio de Teodicea. Acerca da bondade de Deus, a liberdade do home e a orixe do mal», aínda que Leibniz referíase con teodicea a calquera investigación cuxo fin fose explicar a existencia do mal e xustificar a bondade de Deus.