Ámbar gris
From Wikipedia, the free encyclopedia
O ámbar gris é unha secreción producida no intestino dos cachalotes.[1] É unha substancia inflamábel de aparecencia cerosa e cor moura ou gris mate, con tonalidades variadas como a mármore. Ten un olor peculiar, doce e terroso, parecido ao do alcohol isopropílico. Trátase dunha substancia resinosa que se forma no intestino dalgúns exemplares, en forma de masas sólidas, opacas.
Marcial Valladares defíneo como:
Otra sustancia que se utiliza de este cetáceo. Créese que la constituyen sus excrementos, ó materias fecales, detenidas mucho tiempo en el recto y endurecidas á consecuencia de algún padecimiento. Recógese en las costas de los mares que frecuenta y la medicina y perfumería sacan gran ventaja de dicha sustanciaDiccionario gallego-castellano, 1884.
En efecto, segrégase no intestino en cantidades moi variábeis e elimínase coas feces. A súa función, segundo moitos científicos, é a de envolver os bicos dos cefalópodos dos que se alimentan estes animais e evitar problemas intestinais, dun xeito semellante ao mecanismo das egagrópilas das aves rapaces ou do contido intestinal doutros animais carnívoros.
Alcanzou e tempos pasados un gran valor, e empregábase en cosmética como fixador de perfumes e outras esencias, pero hoxe foi substituído por fixadores sintéticos, aínda que ocasionalmente segue usándose na industria da perfumaría. Utilizouse tamén en farmacia como espasmolítico.
Estanislao Fernández de la Cigoña cita que un quilogramo de ámbar gris chegaba a valer máis de tres millóns de pesetas a principios do século XX, en plena época da caza de baleas.[2]