Ælle de Sussex
From Wikipedia, the free encyclopedia
Ælle (tamén Aelle ou Ela) (pronunciado /'ælə/ en inglés) aparece nas fontes temperás como o primeiro rei dos saxóns do sur e o fundador do reino de Sussex, reinando na rexión inglesa de Sussex desde aproximadamente o ano 477 até talvez o ano 514 como máximo. A información sobre este monarca é bastante limitada e non se pode afirmar con certeza se Ælle existiu realmente.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século V |
Morte | 514 |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Reino de Sussex |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Lingua | Lingua inglesa |
Familia | |
Fillos | Cissa de Sussex |
Segundo as fontes, Ælle e tres dos seus fillos chegaron procedentes do continente europeo ao lugar onde se atopa Selsey Bill —o lugar exacto atópase baixo o mar e é probabelmente un banco de area coñecido como the Owers— e combateron contra os britanos. Dise que en 491 os saxóns lograron unha vitoria fronte aos nativos no lugar onde se atopa a localidade de Pevensey, onde mataron o último dos seus opoñentes. Aínda que os detalles que contan estas tradicións non poden ser verificados, os nomes dos lugares de Sussex evidencian claramente que esa zona foi pronto colonizada e de forma exhaustiva polos saxóns, apoiando a idea de que foi unha das súas primeiras conquistas.
Segundo Beda, monxe de Northumbria autor da crónica do século VIII Historia ecclesiastica gentis Anglorum, Ælle foi o primeiro rei anglosaxón que logrou manter o seu "imperium" ou señorío sobre o resto de reinos anglosaxóns[1]. Na Crónica anglosaxoa de finais do século IX (duns catrocentos anos máis tarde), Ælle é presentado como o primeiro bretwalda ou gobernante de Britania, aínda que non hai probas de que nese tempo xa existise ese título. A morte de Ælle non está rexistrada e non se coñece quen o sucedeu como rei de Sussex.