Óperas perdidas de Claudio Monteverdi
From Wikipedia, the free encyclopedia
O compositor italiano Claudio Monteverdi (1567–1643), ademais dunha gran produción de música sacra e madrigais, escribiu prolificamente para a escena. As súas obras teatrais foron escritas entre 1604 e 1643 e inclúen óperas, tres das cales—L'Orfeo (1607), Il ritorno d'Ulisse in patria (1640) e L'incoronazione di Poppea (1643)—sobreviviron coa súa música e libreto intactos. No caso doutras sete óperas, a música desapareceu case na súa totalidade, aínda que algúns dos libretos conserváronse. A perda destas obras, escritas durante un período crítico da historia temperá da ópera, foi moi lamentada por comentaristas e musicólogos.
Óperas perdidas | |
---|---|
de Claudio Monteverdi | |
Monteverdi en torno ao ano 1640. | |
Forma | Proxectos operísticos |
Composición |
|
A ópera, como xénero musical e teatral, comezou a emerxer durante a primeira parte da carreira de Monteverdi, inicialmente como unha forma de entretemento cortesán. Con outros compositores, Monteverdi tivo un papel sobranceiro no seu desenvolvemento na forma principal de teatro musical público. A súa primeira ópera, L'Orfeo, escrita en 1607 para a corte de Mantua, que o empregara, foi un grande éxito. Nos anos que seguiron, en Mantua e no seu posterior posto como maestro di cappella (director de música) na Basílica de San Marcos en Venecia, Monteverdi continuou a escribir música teatral en varios xéneros, incluíndo óperas, bailes e intermedi (pequenos interludios musicais insertados en obras convencionais). Debido a que na época na que viviu Monteverdi a música escénica era raramente considerada de utilidade logo da súa representación inicial, moita desta música desapareceu pouco despois da súa creación.
A maior parte da información dispoíble relacionada coas sete óperas perdidas foi deducida a partir de documentos contemporáneos, incluídas as numerosas cartas que Monteverdi escribiu. Estes papeis proporcionan unha proba irrefutable de que catro destas obras —L'Arianna, Andromeda, Proserpina rapita e Le nozze d'Enea con Lavinia— foron completadas e representadas en vida de Monteverdi, mais da súa música, tan só sobreviviron o famoso lamento de L'Arianna e un trío de Proserpina. As outras tres óperas perdidas —Le nozze di Tetide, La finta pazza Licori e Armida abbandonata— foron abandonadas polo compositor antes de que as finalizara; descoñécese canta da súa música escribiu.