84ª edición dos Óscar
From Wikipedia, the free encyclopedia
A 84ª edición dos Óscar, presentada pola Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas (AMPAS), galardoou os mellores filmes de 2011 dos Estados Unidos e celebrouse o 26 de febreiro de 2012, no Hollywood and Highland Center Theatre (agora Dolby Theatre) no distrito de Hollywood, nos Ánxeles (California). Durante a cerimonia, a Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas presentou os Premios da Academia (comunmente coñecidos como Oscars) en 24 categorías. A cerimonia foi televisada nos Estados Unidos pola ABC. O actor Billy Crystal presentou a cerimonia por novena vez. A primeira vez presentou a 62ª edición dos Óscar, celebrada en 1990, e a anterior foi a 76ª edición dos Óscar, celebrada en 2004.[1]
O 14 de xuño de 2011, o presidente da Academia, Tom Sherak, anunciou nunha conferencia de prensa que, coa intención de revitalizar o interese polos premios, a cerimonia de 2012 tería entre cinco e dez nomeados ó Óscar ó mellor filme pendentes dos resultados da votación, a diferenza dun número definido de candidatos.[2] Como evento relacionado, a Academia realizou a súa terceira cerimonia Anual de Premios Gobernadores no Grand Ballroom do Hollywood and Highland Center o 12 de novembro de 2011.[3]
The Artist gañou cinco galardóns, incluíndo Mellor actor para Jean Dujardin, Mellor director para Michel Hazanavicius e Mellor filme, o primeiro filme mudo en gañalo dende Wings (1927), o gañador da 1ª edición dos Óscar en 1929.[4][5][6][7] Outros gañadores inclúen a Hugo tamén con cinco premios e The Iron Lady con dous premios. Beginners, The Descendants, The Fantastic Flying Books of Mr. Morris Lessmore, The Girl with the Dragon Tattoo, The Help, Midnight in Paris, The Muppets, Rango, Saving Face, A Separation, The Shore e Undefeated gañaron un premio cada un. A cerimonia tivo preto de 39 millóns de espectadores (só en América do Norte).