Arquímedes
un dos matemáticos máis grandes da antigüidade e, en xeral, de toda a historia. / From Wikipedia, the free encyclopedia
Arquímedes (en grego: Ἀρχιμήδης), nado en Siracusa (na Illa de Sicilia) no 287 a.C. e finado no 212 a.C. na mesma localidade, foi un científico, matemático, físico, inventor e astrónomo[1] grego. Considérase que Arquímedes foi un dos matemáticos máis grandes da antigüidade clásica e, en xeral, de toda a historia.[2][3] Creou un método para calcular o número pi (nº π) (razón entre o perímetro dunha circunferencia e o seu diámetro) coa aproximación tan grande canto se queira. Cría que nada do que existe é tan grande que non poida ser medido. Perfeccionou, pois, o sistema grego de numeración, creando unha notación cómoda para os números moi grandes, semellante ao actual sistema exponencial. Pasou a súa vida traballando como protexido para os reis de Sicilia Hierón II e o seu fillo Gelón II (ambos os dous reis eran membros da dinastía deinoménida).
En mecánica atribúenselle algunhas invencións tales como a rosca sen fin, a roda dentada, a roldana móbil e a panca. Entre as frases que se lle atribúen está: “dáme unha panca e un punto de apoio e moverei o mundo”.
En física, no seu Tratado dos corpos flutuantes, estableceu as leis fundamentais da estática e da hidrostática. Un dos principios fundamentais da hidrostática enúnciase así: “todo corpo mergullado total ou parcialmente nun fluído sofre un empuxe vertical, dirixido de baixo para riba, igual ao peso do volume do fluído desaloxado, e aplicado no centro de empuxe." O centro do apuxón é o centro de gravidade do volume que corresponde á porción somerxida do corpo.
As súas últimas pescudas terían o obxectivo de responder a Hierón, rei de Siracusa, se a súa coroa era realmente de ouro puro. Conseguindo resolver tal problema mentres se bañaba, Arquímedes saíu á rúa, nu, gritando Eureka! Eureka! (Encontreino!)
Durante case tres anos, as máquinas de guerra da súa invención que lanzaban dardos de pedra, terían sido as principais responsábeis das derrotas impostas polos gregos ao exército de Marco Claudio Marcelo, xeneral romano que cercaba Siracusa. Dise tamén, segundo a tradición, que Arquímedes conseguiu incendiar os navíos romanos por medio dun xogo de lentes e espellos.[4] Matouno un soldado romano despois da toma de Siracusa durante a segunda guerra púnica.