Cantóns de Suíza
estados membros da Confederación Suíza / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os 26 cantóns de Suíza son os estados membros da Confederación Suíza. Cada cantón foi un estado soberano, coas súas propias fronteiras, exército e moeda dende a Paz de Westfalia (1648) até o estabelecemento do Estado Federal Suízo en 1848. O cantón máis recente é o Cantón do Xura, que se separou do de Berna en 1979.
No século XVI, a Antiga Confederación Suíza estaba composta por trece cantóns soberanos, dos que había dous tipos diferentes: seis de campo (ou bosque) e sete cantóns de cidade (ou urbanos). Aínda que tecnicamente formaban parte do Sacro Imperio Romano, convertéronse en independentes de facto, cando os suízos derrotaron a Maximiliano I na batalla de Dornach en 1499. Despois disto os seis cantóns de campo estabelecéronse como repúblicas democráticas, mentres que os sete cantóns urbanos foron repúblicas oligárquicas controladas por familias nobres.
Hoxe en día cada cantón ten a súa propia constitución, lexislatura, goberno e cortes. A maioría deles son Parlamentos Unicamerais, variando o seu tamaño dende os cincuenta e oito aos douscentos escanos, e uns poucos son Asembleas Xerais, coñecidas como Landsgemeinden. Os gobernos adoitan ser de entre cinco ou sete membros.
A constitución da Confederación Suíza, declara aos cantóns soberanos na medida de que a súa soberanía non estea limitada pola lei federal. Os cantóns tamén conservan tódalas facultades e competencias non delegadas á Confederación pola Constitución. As responsabilidades máis significantes dos cantón son a sanidade, benestar social, educación ou a recadación dos tributos. As constitucións cantonais tamén determinan o grao de autonomía que delegan nos seus municipios, mais case sempre inclúen a facultade de recadar impostos e aprobar leis municipais. As superficies dos cantóns varían entre 37 e 7.105 km² e as poboacións entre 14.900 e 1 244 400.
Ao igual que no ámbito federal, tódolos cantóns réxense por democracia directa, é dicir os cidadáns poden solicitar unha votación popular para modificar a Constitución ou as leis cantonais ou vetar as leis ou proxectos de lei de gastos aprobadas no parlamento. As Asembleas Xerais populares (Landsgemeinde) limítase agora aos cantóns de Appenzell Interior e Glarus. En tódolos demais cantóns exércense os dereitos democráticos por votación secreta.