Castelo de Cuéllar
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Castelo de Cuéllar ou Castelo dos Duques de Alburquerque é o monumento máis emblemático da vila de Cuéllar,[1][2] provincia de Segovia, comunidade autónoma de Castela e León, España. É Ben de Interese Cultural dende o 3 de xuño de 1931.[3]
Castelo de Cuéllar | |
---|---|
ben de interese cultural | |
Concello | Cuéllar |
Provincia | Segovia |
Comunidade autónoma | Castela e León |
Coordenadas | 41°24′03″N 4°19′12″O |
Estilo arquitectónico | |
Estilo orixinal | gótico e renacentista (século XI-XVII) |
Estilo actual | Bo estado |
[ editar datos en Wikidata ] |
Está ben conservado, pois componse dunha mestura de distintos estilos arquitectónicos, que abranguen dende o século XIII ao século XVIII, aínda que predominan o estilo gótico e o renacentista. Trátase dunha edificación militar que a partir do século XVI se someteu a obras de ampliación e transformación, converténdose nun suntuoso pazo, propiedade do Ducado de Alburquerque. Nas súas diferentes etapas construtivas traballaron mestres como Juan Guas, Hanequin de Bruxelas e o seu fillo Hanequin de Cuéllar, Juan Gil de Hontañón, Rodrigo Gil de Hontañón, Juan Gil de Hontañón o Mozo, e Juan de Álava entre outros.
Entre os seus antigos propietarios, destacan don Álvaro de Luna e Beltrán de la Cueva, así como os sucesivos duques de Alburquerque. Os seus hóspedes máis ilustres foron reis de Castela como Xoán I de Castela e a súa esposa a raíña Leonor de Aragón, quen faleceu nel, ou María de Molina, que se refuxiou neste castelo cando o seu reino a rexeitaba. Tamén destacan as figuras do pintor Francisco Javier Parcerisa, o escritor José de Espronceda, o xeneral Joseph Léopold Sigisbert Hugo ou Arthur Wellesley, duque de Wellington, que estivo acuartelado no castelo cunha gornición do seu exército durante a Guerra da Independencia Española.
Foi residencia habitual dos duques de Alburquerque durante séculos, ata que se trasladan á Corte de Madrid, converténdoo en pazo de recreo e vacacións, desvinculándose así lentamente do edificio, feito que se acentúa máis aínda cando a liña primoxénita do ducado se extingue, e a titularidade pasa á familia Osorio, descendentes de Ambrosio Spinola, marqués dos Balbases. A finais do século XIX o edificio encontrábase practicamente abandonado, e foi vítima da pillaxe. En 1938 instalouse nel un penal para presos políticos, ao que se incorpora despois un sanatorio para presos tuberculosos, retomando máis tarde a súa utilización como penal que funcionou ata 1966.
En 1972 intervén a Dirección Xeral de Belas Artes, levando a cabo unha intensiva restauración, para instaurar nel un centro de Formación profesional, que tras as novas lexislacións de Educación, se converte en instituto de Educación Secundaria Obrigatoria, actividade para a que é utilizado actualmente, entre outros usos.