Comportamento agonístico
From Wikipedia, the free encyclopedia
O comportamento agonístico[1] é calquera comportamento social relacionado coa loita. O termo ten un significado máis amplo que simplemente un comportamento agresivo porque inclúe tamén as ameazas, exhibicións, retiradas, aplacamentos, e conciliacións. O termo foi acuñado por Scott e Fredericson en 1951.[2]
Algunhas formas de comportamento agonístico danse entre contendentes que están a competir polo acceso aos mesmos recursos, como o alimento ou as parellas para a reprodución ou o refuxio. Outras veces, implica probas de forza ou a exhibición de amezas que fan que os animais parezan máis grandes e máis fortes fisicamente do que son, unha exhibición que pode permitirlles gañar os recursos en competencia sen necesidade de que finalmente teña lugar unha verdadeira batalla. Aínda que o comportamento agonístico varía entre especies, a interacción agonística consiste en tres tipos de comportamentos: ameazas, agresións, e submisión.[3] Estes tres comportamentos están funcional e fisioloxicamene interrelacionados co comportamento agresivo aínda que queden fóra dunha definición estreita deste comportamento como só de agresión. Aínda que calquera destas divisións dos comportamentos pode considerarse só unha interacción entre dous animais, normalmente ocorre seguindo unha secuencia con principio e final.[4] Dependendo da dispoñibilidade e importancia dun recurso, os comportamentos poden ir desde a loita á morte ou un comportamento ritualizado moito máis seguro, aínda que os comportamentos ritualizados ou de exhibición son as formas máis comúns de comportamento agonístico.[4]