Código xenético
From Wikipedia, the free encyclopedia
O código xenético é o conxunto de normas polas que a información codificada no material xenético (secuencias de ADN ou ARN) se traduce a proteínas (secuencias de aminoácidos) nas células vivas. O código define as correspondencias entre as distintas secuencias de tres nucleótidos, chamadas codóns, e aminoácidos. Un codón corresponde a un aminoácido específico.
A secuencia do material xenético componse de catro bases nitroxenadas distintas, que teñen unha función equivalente a letras no código xenético: adenina (A), timina (T), guanina (G) e citosina (C) no ADN e adenina (A), uracilo (U), guanina (G) e citosina (C) no ARN.
Se agrupamos de tres en tres os catro nucleótidos que hai podendo repetilos obtemos 64 combinacións distintas posibles, que son os 64 codóns do código xenético. Deles, 61 codifican aminoácidos (un deles, AUG, é ademais o codón de inicio) e os tres restantes son codóns de parada (UAA, chamado ocre; UAG, denominado ámbar; UGA ou ópalo). A secuencia de codóns determina a secuencia aminoacídica dunha proteína concreta, que terá unha estrutura e unha función específicas.