Depuración de augas residuais
From Wikipedia, the free encyclopedia
A depuración de augas residuais[1] ou tratamento de augas residuais consiste na aplicación dunha serie de procesos físicos, químicos e biolóxicos que teñen como fin eliminar os contaminantes físicos, químicos e biolóxicos presentes na auga efluente que xa foi utilizada polos humanos.
Para controlar a polución por augas residuais trátanse estas en plantas ou estacións depuradoras nas que se fai a maior parte do proceso de eliminación dos contaminantes e despois déixase que a natureza o complete no corpo de auga receptor.[2] Por tanto, o obxectivo do tratamento das augas residuais é producir un efluente (a auga tratada que se descarga) reutilizable no ambiente e un residuo sólido ou lama (tamén chamado biosólido ou lodo) convenientes para a súa eliminación ou reutilización.
As augas residuais son as xeradas nas casas e locais comerciais e industriais. Poden tratarse no propio sitio en que se xeran (por exemplo, con tanques ou fosas sépticas) ou ben poden recollerse e levarse por unha rede de sumidoiros e tubos (e ás veces usando bombas) a unha estación de tratamento municipal. A miúdo certos contaminantes de orixe industrial presentes nas augas residuais requiren procesos de tratamento especializado.
Tipicamente, o tratamento de augas residuais comeza pola separación física inicial de sólidos grandes (lixo) da corrente de augas domésticas ou industriais empregando un sistema de reixas (mallas), aínda que tamén poden triturarse eses materiais por medio dun equipo especial; posteriormente faise un desareado (separación de sólidos pequenos moi densos como a area) seguido dunha sedimentación primaria (ou tratamento similar) que separe os sólidos suspendidos existentes na auga residual. Para eliminar metais disoltos utilízanse reaccións de precipitación, que se utilizan para eliminar chumbo e fósforo principalmente. Seguidamente, faise a conversión progresiva da materia biolóxica disolvida nunha masa biolóxica sólida usando bacterias adecuadas, xeralmente presentes nas propias augas. Unha vez que a masa biolóxica se separou ou eliminou (proceso chamado sedimentación secundaria), a auga tratada pode someterse a procesos adicionais (tratamento terciario) como a desinfección, filtración etc. O efluente final pode ser vertido ou reintroducido de volta a un corpo de auga natural (río ou baía) ou outro ambiente (terreo superficial, subsolo etc). Os sólidos biolóxicos segregados experimentan un tratamento e neutralización adicional antes da descarga ou reutilización axeitada.
Considérase que unha correcta depuración das augas residuais (e das potables) é fundamental para unha boa saúde pública, pero nalgúns países con baixos ingresos esta é deficiente. En palabra do Director Xeral da OMS:
"A auga e o saneamento son un dos principais motores da saúde pública. Adoito referirme a eles como «Saúde 101», o que significa que en canto se poida garantir o acceso á auga salubre e a instalacións sanitarias adecuadas para todos, independentemente da diferenza nas súas condicións de vida, terase gañado unha importante batalla contra todo tipo de doenzas." " Dr. Lee Jong-wook, Director Xeral, Organización Mundial da Saúde.
En resumo, os procesos de tratamento típicos son:
- Tratamento primario. Asentamento de sólidos. Consiste en manter temporalmente as augas residuais nun tanque de sedimentación, onde os sólidos pesados sedimenten ao fondo e as graxas e sólidos lixeiros floten á superficie. Os materiais sedimentados e flotantes son retirados e o resto do líquido pode ser descargado ou sometido ao tratamento secundario.
- Tratamento secundario. Tratamento biolóxico da materia orgánica disolvida presente na auga residual, transformándoa en sólidos suspendidos que se eliminan doadamente. Retíranse as partículas disoltas e a materia biolóxica en suspensión. É realizado por microorganismos, que consomen a materia orgánica. Pode requirir un proceso de separación dos microorganismos da auga tratada antes de que esta pase ao tratamento terciario.
- Tratamento terciario. Pasos adicionais como lagoas, microfiltración ou desinfección. Permite verter con seguridade a auga tratada en ecosistemas sensibles (estuarios, arrecifes de coral, ríos de baixo caudal...). Ás veces desinféctase a auga quimica ou fisicamente (por exemplo, usando lagoas e microfiltración) antes de vertela, ou para usala para a rega de campos de golf ou parques, e, se está limpa dabondo, para a agricultura ou recheo de acuíferos.