Dípteros
insectos da orde á que pertencen as moscas, mosquitos, tabáns e típulas / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os dípteros son os insectos da orde Diptera (en grego 'dúas ás'), ao que pertencen as moscas, mosquitos, tabáns ou típulas, entre outros. Os insectos desta orde presentan un só par de ás voadoras, xa que o segundo par, o traseiro, téñeno reducido a uns órganos para o equilibrio con forma de maza, chamados halterios. A orde dos dípteros é moi grande, xa que se estima que contén un millón de especies,[1][2], aínda que só se describiron unhas 150 000 especies.[3]
Dípteros Rango fósil: Triásico Medio – Actual (245 millóns de anos-0) | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Musca domestica | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
|
Os dípteros teñen unha cabeza móbil, cun par de grandes ollos compostos, e pezas bucais deseñadas para perforar e chuchar (en mosquitos, asiloideos e simúlidos), ou lamber e chuchar (nos outros grupos). As características das súas ás danlle unha gran manobrabilidade en voo, e as garras e almofadas que teñen nos pés permítenlles agarrarse a superficies lisas. Sofren unha metamorfose completa; os ovos póñenos sobre o que será a fonte de alimentos das larvas, que carecen de verdadeiras patas e desenvólvense nun ambiente protexido, a miúdo dentro da súa fonte de comida. A pupa presenta unha forte cápsula da cal emerxe o adulto; a maioría teñen unha vida curta como adultos.
Os dípteros son unha das maiores ordes de insectos e son de considerable importancia ecolóxica e humana. Moitas especies de dípteros son importantes polinizadores, só superados polas abellas e outros himenópteros. Os dípteros puideron ser na evolución os primeiros polinizadores das primeiras plantas que a requirían. As moscas do vinagre son utilizadas como organismos modelo en investigación, pero outros son menos benignos, como algúns mosquitos, que son vectores de doenzas como a malaria, dengue, febre do Nilo Occidental, febre amarela, encefalite, e outras doenzas infecciosas, e as moscas domésticas espallan doenzas transmitidas polos alimentos. Os dípteros poden ser unha molestia, especialmente nalgunhas partes do mndo, onde son moi abundantes, rumbando e pousando sobre a pel ou ollos para morder ou buscar fluídos. As moscas grandes, como a mosca tse-tse e as Cochliomyia causan un dano ao gando economicamente importante. As larvas dos califóridos e outras larvas de dípteros, coñecidas como careixas, vareixas ou sens[4], utilízanse como isco para a pesca e son un alimento para animais carnívoros. Tamén se utilizan en medicina para limpar feridas (desbridamento).