Especiación ecolóxica
From Wikipedia, the free encyclopedia
A especiación ecolóxica é o proceso polo cal a selección diverxente entre ambientes ecoloxicamente diferentes orixina a creación de barreiras reprodutivas entre as poboacións.[1] Isto a miúdo é o resultado da selección sobre trazos que están correlacionados xeneticamente co illamento reprodutivo. Esta especiación ocorre como unha consecuencia da diverxencia adaptativa.[2][3]
A selección ecolóxica ocorre pola "interacción de individuos co seu ambiente durante a adquisición de recursos".[4] A selección natural está inherentemente implicada no proceso de especiación, por medio da cal, "baixo a especiación ecolóxica, as poboacións en diferentes ambientes, ou poboacións que explotan diferentes recursos, experimentan presión de selección natural opostas nos trazos que directa ou indirectamente dan lugar á evolución dun illamento reprodutivo".[5] Hai probas do papel que xoga a ecoloxía no proceso de especiación. Estudos de poboacións de peixe espiñento apoian a especiación ligada á ecoloxía,[6] xunto con numerosos estudos de especiación paralela.
A diferenza clave entre a especiación ecolóxica e outros tipos de especiación, é que é desencadeada por unha selección natural diverxente entre diferentes hábitats, e pode ocorrer en alopatría, simpatría, ou parapatría. O único requirimento é que a especiación ocorra como resultado da adaptacións a diferentes condicións ecolóxicas ou microecolóxicas.[1]
Debátese sobre os límites para considerar se un evento de especiación é ecolóxico ou non ecolóxico. "O efecto xeneralizado da selección suxire que a evolución adaptativa e a especiación son inseparables, o que provoca dúbidas sobre se a especiación é algunha vez non ecolóxica".[7]