Israel
país do Oriente Medio / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Estado de Israel[1][2] (hebreo: מדינת ישראל, transliteración: Medinat Yisra'el; Árabe: دولة اسرائيل, transliteración: Daulat Isra'il) é un país no Oriente Medio (oeste de Asia, no chamado 'crecente fértil'), situado na costa oriental do mar Mediterráneo. É unha democracia parlamentaria e legalmente un estado xudeu.[3] Fai fronteira co Líbano ao norte, con Siria ao nordeste, con Xordania e Cisxordania ao leste, con Exipto e a franxa de Gaza ao suroeste, e co golfo de Aqaba (no mar Vermello) ao sur.[nota 1] O Mediterráneo bordéao polo seu oeste, e entre Xordania e Exipto sae uns poucos quilómetros ó golfo de Aqaba, extensión do mar Vermello (tamén chamado golfo de Eilat). Igualmente, ten costa co mar Morto (mar interior). Xeograficamente, contén diversas características dentro do seu relativamente pequeno territorio[5][6] Israel defínese como un "Estado xudeu e democrático" nas súas Leis Básicas e é o único Estado de maioría xudía do mundo.[7]
Este artigo amosa escritos hebraicos. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
Este artigo amosa letras árabes. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
Despois dunha resolución da Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 29 de novembro de 1947, recomendando a adhesión e introdución do Plan de Partición de Palestina para substituír o Mandato Británico, o 14 de maio de 1948, David Ben-Gurion, o xefe-executivo da Organización Sionista Mundial[nota 2] e presidente da Axencia Xudaica para Palestina, declarou o estabelecemento dun Estado Xudeu en Eretz Israel, a ser coñecido como o Estado de Israel, unha entidade independente do control británico.[8][9][10] As nacións árabes veciñas invadiron o recentemente creado país ao día seguinte, en apoio aos árabes palestinos. Israel, dende aquela, levou a cabo varias guerras cos Estados árabes circundantes,[11] no transcurso das cales ocupou os territorios de Cisxordania, península do Sinaí, franxa de Gaza e altos do Golán. Partes desas áreas ocupadas, incluíndo Xerusalén Oriental, foron anexionadas por Israel, mais a fronteira coa veciña Cisxordania aínda non foi definida de forma permanente.[12][13][14][15][16] Israel asinou tratados de paz con Exipto e Xordania, porén os esforzos para solucionar o conflito israelí-palestino ata agora non deron como resultado a paz.
O centro financeiro de Israel é Tel Aviv,[17] mentres que Xerusalén é a cidade máis populosa do país e a súa capital[nota 3] (aínda que non sexa recoñecida como tal pola comunidade internacional). A poboación israelí, conforme o definido pola Oficina Central de Estatísticas de Israel, foi estimada en 2017 en 8.758.600[18][nota 4] habitantes, dos cales un 74.8% eran xudeus. Os árabes constitúen a segunda maior etnia do país, cun 20.8% de habitantes, incluíndo os árabes de Xerusalén Leste.[19] A gran maioría dos árabes israelís son musulmáns sunnitas, incluíndo un número significativo de beduínos do Negev semi-sedentarios, o resto son cristiáns e drusos. Outras minorías inclúen varias denominacións étnicas e etno-relixiosas, como os circasianos, samaritanos e maronitas, entre outros.
Israel é unha democracia representativa cun sistema parlamentario, representación proporcional e sufraxio universal.[20][21] O primeiro ministro serve como xefe de goberno e o Knesset como o corpo lexislativo unicameral do país. Israel ten unha das máis altas expectativas de vida do mundo[22] e é considerado un país desenvolvido, sendo membro da OCDE e da ONU.[23] O seu produto interno bruto (PIB) nominal foi o 37º maior do mundo en 2014,[24] mentres que o país ten o nivel de vida máis alto de Oriente Medio.[25] No entanto, organizacións como Amnistía Internacional e Human Rights Watch teñen sido críticas coas políticas de Israel en relación aos palestinos, mentres que o goberno dos Estados Unidos[26] e algúns países de Europa, como o Reino Unido e Alemaña, xeralmente apoian a Israel bélica e financeiramente.[27]