Glicósido
molécula composta por un glícido e un composto non glicídico / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os glicósidos son moléculas compostas por un glícido e un composto non glicídico. Os glicósidos desempeñan funcións importantes nos seres vivos. Moitas plantas almacenan produtos químicos importantes en forma de glicósidos inactivos; se estes produtos son necesarios, sofren hidrólise encimática na célula[1], xerando azucres importantes no metabolismo da planta. Moitos glicósidos de orixe vexetal utilízanse como medicamentos.[2]
Na definición exacta de glicósido hai algunha controversia. Formalmente, un glicósido segundo a IUPAC (Unión Internacional de Química Pura e Aplicada)[3] é unha molécula formada por un glícido unido polo seu carbono anomérico a outro composto de diferente natureza química, por medio dun enlace glicosídico, que pode ser O-glicosídico ou S-glicosídico (tioglicósidos). A definición da IUPAC non exclúe que a outra substancia unida ao glícido sexa un derivado dun glícido [3]. Porén, son moitos os autores que para considerar que unha substancia é un glicósido requiren que a molécula enlazada ao glícido non sexa un glícido, senón outro tipo de substancia, e así exclúen os polisacáridos [4].
As glicosilaminas son consideradas por algúns autores como N-glicósidos, pero a IUPAC considera que se deben clasificar á parte, polo que non se tratará delas aquí. Entre elas estarían os nucleósidos. Tampouco o son os compostos C-glicosilados, con enlaces C-glicosídicos [3].
Nos glicósidos, a parte formada polo glícido chámase glicona, mentres que a parte formada pola outra molécula chámase aglicona ou xenina. A glicona adoita ser un monosacárido ou ás veces un oligosacárido. A aglicona pode ser unha molécula moi variada de pequeno tamaño.