Historiografía grega
From Wikipedia, the free encyclopedia
Por historiografía grega enténdese aquela realizada na Antiga Grecia, desde o século -V ata o século IV, desde Heródoto ata Zósimo, pasando por Tucídides, Posidonio, Polibio etcétera. En total, Jacoby, en Fragmente der griechischen Historiker, diferenciou 856 historiadores gregos, incluídos os mitógrafos e cronistas locais.
O concepto de historiografía naceu en Grecia,[1] aínda que se acepta que anteriormente xa existía unha concepción histórica en Oriente, un desexo de permanencia de todo o que se fixo. Agora ben, esa concepción histórica primitiva é unha mera transmisión de datos históricos que, como as listas reais do Antigo Exipto, carecían de análise histórica, polo que non se trataban de historiografía, sen negar por iso o seu valor documental.
Considérase a Heródoto o primeiro historiador, tanto na actualidade como na antigüidade.[2] Tucídides estableceu posteriormente a base racional e metodolóxica dunha historiografía nada como reacción ante o irracional da mitoloxía grega. Previamente, xa Hecateo de Mileto atenuara o sobrenatural, pero a separación total non se produce ata Tucídides. Heródoto concibiu a súa Historia como un medio de evitar o esquecemento daquilo que merecía ser recordado. Na Antiga Grecia víase tamén a historia como medio de mostrar exemplos, aínda que non modelos de acontecementos futuros. Así mesmo desde Heródoto os historiadores realizan un exame crítico do pasado e dos feitos supostamente acaecidos. O pai da historiografía, Heródoto, así o expresa en IV, 195, 2:
Realmente, ignoro se isto é verdade, simplemente consigno o que contan.[3]
En canto ás fontes, existía unha preponderancia das fontes orais sobre as escritas.[4] Nas orixes da historiografía era case obrigado o uso de fontes orais, pois a diferenza dos historiadores actuais, que se basean sobre todo na investigación de textos, os gregos antigos non dispoñían a maior parte das veces de suficiente material arquivístico ou bibliográfico. Con todo, cando xa si era posíbel traballar cos fondos das bibliotecas, os historiadores seguiron preferindo a tradición oral; e mesmo criticaron aos que só traballaban con fontes escritas como, por exemplo, Timeo. Ademais, hai que ter en conta que os gregos non adoitaban coñecer linguas bárbaras, xa que logo, Heródoto non podía entender por si mesmo as crónicas orientais, aínda que tampouco mostrou interese en coñecelas. A elección da tradición oral supoñía a necesidade das primeiras reflexións en canto ao método histórico, como é a crítica das fontes, a súa relación e graduación segundo o valor dos testemuños recolleitos. De aí por exemplo o seu empeño en mostrar todas as versións recoñecidas, aínda que considere algunhas erróneas. Así mesmo, a tradición oral obrigaba a establecer unha cronoloxía que ordenase os feitos illados trala súa recompilación. As fontes escritas quedaron relegadas aos arqueólogos ou antiquaria, é dicir, para o estudo dos tempos remotos.