Joan Miró
pintor catalán / From Wikipedia, the free encyclopedia
Joan Miró, nado en Barcelona o 20 de abril de 1893 e finado en Palma o 25 de decembro de 1983, foi un pintor, escultor e ceramista catalán, un dos máximos representantes do surrealismo. Na súa obra reflectiu o seu interese no subconsciente, no infantil e no seu país. Nun principio mostrou fortes influencias fauvistas, cubistas e expresionistas, pasando a unha pintura plana con certo aire naïf, como o é o seu coñecido cadro La masia do ano 1920. Dende a súa estadía en París, a súa obra vólvese máis onírica, coincidindo cos puntos do surrealismo e incorporándose a este movemento. En numerosas entrevistas e escritos que datan da década de 1930, Miró manifestou o seu desexo de abandonar os métodos convencionais de pintura, nas súas propias palabras de "matalos, asasinalos ou violalos", para poder favorecer unha forma de expresión que fose contemporánea, e non querer dobregarse ás súas esixencias e á súa estética nin sequera cos seus compromisos cara aos surrealistas.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2015.) |
Un dos seus grandes proxectos foi a creación en 1975, da Fundación Joan Miró, situada en Barcelona, centro cultural e artístico para difundir as novas tendencias da arte contemporánea, constituíndose cun gran fondo de obras doadas polo autor; outros lugares con importantes fondos das súas obras son a Fundación Piar i Joan Miró de Palma de Mallorca, o Museo Raíña Sofía de Madrid, o Centro Georges Pompidou de París (Musée National d'Art Moderne) e o MOMA de Nova York.