Lista de xogadoras do equipo olímpico de hóckey sobre xeo do Canadá
artigo de listas da Wikimedia / From Wikipedia, the free encyclopedia
O torneo feminino de hóckey sobre xeo foi introducido nos Xogos Olímpicos en 1998.[1] Sete porteiras e trinta e oito patinadoras xogaron para o equipo canadense dende aquela.
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente desde a última vez que se editou, que foi en maio de 2018. |
O hóckey sobre xeo masculino foi introducido nos Xogos Olímpicos de 1920, e engadiuse aos Xogos Olímpicos de Inverno en 1924.[2] En xullo de 1992, o Comité Olímpico Internacional (COI) votou para aprobar a inclusión do hóckey sobre xeo feminino como disciplina olímpica, sendo celebrado o torneo por primeira vez nos Xogos Olímpicos de Inverno de 1998.[1][3] Dende 1998, o hóckey sobre xeo feminino ten sido dominado pola selección canadense. Os equipos canadenses gañaron todos os Campionatos do Mundo celebrados ata 1997; con todo, ese mesmo ano, o equipo estadounidense mellorou e igualouse ao canadense. En trece partidos xogados entre os dous equipos en 1997, Canadá gañou sete e os Estados Unidos gañaron seis.[4]
Canadá e os Estados Unidos dominaron a rolda preliminar do torneo en 1998, e no seu enfrontamento directo, os Estados Unidos gañaron por 7 goles a 4. O primeiro partido nos Xogos Olímpicos do equipo canadense disputouse o 8 de febreiro de 1998 no Aqua Wing Arena de Nagano (Xapón),[5][6] no que as canadenses enfrontáronse ao equipo local, ao que derrotaron por 0 goles a 13, sendo anotado o primeiro gol olímpico do equipo do Canadá por Danielle Goyette cando aínda non se cumpriran os 6 minutos de xogo; Goyette foi amais a máxima goleadora do partido con tres goles, anotando un en cada terzo dun partido presenciado ante 4.597 espectadores.[7] Canadenses e estadounidenses encontráronse na final do torneo, na que os Estados Unidos gañaron 3–1.[8] Os equipos canadense e estadounidense continuaron a súa rivalidade, e na reedición do partido nos Xogos Olímpicos de Inverno de 2002, Canadá gañou 3–2. En 2006, o equipo canadense comezou o torneo superando por un marcador total de 36-1 logo de tres partidos. A defensa estadounidense Angela Ruggiero acusou ao equipo de xogar aumentando a vantaxe, e advertiu de que o status olímpico do evento podía ser posto en cuestión a causa da falta de equipos competitivos.[9][10][11] Na final, Canadá derrotou a Suecia para conseguir a súa segunda medalla de ouro consecutiva.[12][13] En 2010, os equipos canadense e estadounidense superaron aos seus rivais na rolda preliminar por unhas marxes de 41-2 e 31-1, respectivamente.[14] Isto provocou máis críticas pola competencia desigual.[15] René Fasel dixo que a IIHF debería considerar engadir unha mercy rule aos futuros torneos.[16] Na final, Canadá derrotou ao equipo dos Estados Unidos por 2-0, gañando deste xeito a súa terceira medalla de ouro consecutiva.[14] En 2014 Canadá e os Estados Unidos superaron novamente a todos os seus rivais no torneo, mais cunha marxe menor. Na cualificación ambos equipos estiveron encadrados no Grupo A, gañando as canadenses o partido nesta primeira rolda por 3-2. Canadenses e estadounidenses encontráronse de novo na final logo de derrotar a Suíza (3-1) e Suecia (6-1) respectivamente, de novo o equipo do Canadá derrotou ao dos Estados Unidos na prórroga por 3 goles a 2, conseguindo a súa cuarta medalla de ouro consecutiva.[17]
Canadá gañou catro medallas de ouro e unha de prata no torneo feminino de hóckey sobre xeo.[18] Dúas xogadoras foron incluídas no Salón da Fama da IIHF e unha no Canada's Sports Hall of Fame. O Canadian Olympic Hall of Fame introduciu aos equipos campións dos anos 2002 e 2006. Dúas xogadoras teñen participado nas cinco edicións do torneo olímpico feminino e gañaron cinco medallas (catro de ouro e unha prata)—Jayna Hefford e Hayley Wickenheiser. Wickenheiser é a máxima anotadora da historia do torneo olímpico feminino, con 18 goles, 32 asistencias e 50 puntos, amais diso foi nomeada dúas veces MVP.[19][20][21] Por outra banda, Cassie Campbell é a única xogadora canadense que foi capitá de varios equipos.[22]