Maria Goeppert-Mayer
From Wikipedia, the free encyclopedia
Maria Goeppert-Mayer, nada en Katowice o 28 de xuño de 1906 e finada en San Diego (California) o 2 de febreiro de 1972, foi unha física estadounidense de orixe alemá que recibiu o Premio Nobel de Física en 1963 pola proposta do modelo nuclear de capas do núcleo atómico. Foi a segunda muller en recibir este premio, tras Marie Curie.
Graduada pola Universidade de Gotinga, escribiu o seu doutoramento sobre a teoría da posible absorción de dous fotóns dos átomos. Nesa época as posibilidades de verificar de forma experimental esa tese eran remotas, pero grazas ao desenvolvemento posterior do láser esta teoría puido ser verificada. Por isto, a unidade de medida para a sección cruzada de absorción de dous fotóns coñécese co nome de unidade Goeppert Mayer (GM).
En 1930 casou con Joseph Edward Mayer e trasladouse ós Estados Unidos de América, onde traballou como profesora asociada da Universidade Johns Hopkins. As estritas normas en contra do nepotismo da universidade non lle permitían ser membro da facultade, pero traballou como asistenta e publicou un estudo sobre o decaemento beta dobre no ano 1935. En 1937 mudouse á Universidade de Columbia onde traballou sen recibir un xornal. Durante a segunda guerra mundial colaborou no Proxecto Manhattan desde a universidade investigando a separación de isótopos, así como no Laboratorio Nacional de Los Álamos xunto a Edward Teller no desenvolvemento do deseño Teller–Ulam de bombas atómicas.
Ó finalizar a guerra, Goeppert-Mayer traballou como profesora asociada voluntaria na Universidade de Chicago e como investigadora sénior no Laboratorio Nacional Argonne. Desenvolveu un modelo matemático para a estrutura das capas nucleares, polo que recibiu o Premio Nobel de Física en 1963, compartido con J. Hans D. Jensen e Eugene Wigner. No ano 1971 sufriu un infarto que a deixou nun estado de coma, e faleceu o 20 de febreiro de 1972 en San Diego (California).