Mitoloxía finlandesa
From Wikipedia, the free encyclopedia
A mitoloxía finlandesa é a que comprende as crenzas dos pobos fineses antes da súa cristianización. Posuía moitas características comúns co pobo veciño máis emparentado desde o punto de vista étnico e lingüístico, os estonianos, así como cos veciños non urálicos, é dicir, os pobos bálticos e escandinavos. Moitos destes mitos estaban tamén estreitamente relacionados con outros pobos urálicos, como os saamis.
A mitoloxía finesa sobreviviu en forma de tradicións orais de poemas cantados míticos e folclore até ben entrado o século XIX.
O deus pai Ukko (ancián en finés), era orixinalmente só un espírito da Natureza como todos os outros, mais a influencia progresiva das culturas circundantes derivou na ascensión deste ao ceo. O animal sacro, cuxo nome non se pronunciaba en voz alta, era o oso. O oso era visto como a encarnación dos antepasados, e era denominado con moitos eufemismos: mesikämmen (pata de mel), otso (fronte ampla), kontio (habitante da terra).