Mitrídates VI do Ponto
From Wikipedia, the free encyclopedia
Mitrídates VI, chamado Eupátor Dionisos, (en grego: Μιθραδάτης Εὐπάτωρ Δῐόνῡσος)[nota 1] nado do 132 a.C. e finado no 63 a.C. en Pantikapaion[1] (actual Kerch), tamén coñecido como Mitrídates o Grande, rei do Ponto dende o 120 a.C. até a súa morte, en Asia Menor, foi un dos inimigos máis formidábeis e exitosos de Roma, loitando consecutivamente contra tres dos máis grandes xenerais de finais da República: Sila, Lúculo e Pompeio.
Igualmente, foi un gobernante eficaz, ambicioso e desapiadado que procurou dominar Asia Menor e a rexión do Mar Negro, librando varias guerras duramente combatidas pero finalmente sen éxito (as Guerras mitridáticas) para romper o dominio romano sobre Asia e o mundo helénico.[2] Foi denominado o maior gobernante do Reino do Ponto.[3] Cultivou unha inmunidade aos velenos inxerindo regularmente doses subletais; esta práctica, agora chamada mitridatismo, leva o seu nome. Despois da súa morte pasou a ser coñecido como Mitrídates o Grande.