Modelo nórdico
From Wikipedia, the free encyclopedia
O modelo nórdico (tamén chamado capitalismo nórdico[1] ou socialdemocracia nórdica)[2] refírese ás políticas económicas e sociais comúns aos países nórdicos (Dinamarca, Finlandia, Noruega, Suecia e Islandia). Este inclúe unha combinación de capitalismo de libre mercado cun exhaustivo estado de benestar e negociación colectiva a nivel nacional.[3][4]
Aínda que hai diferenzas significativas entre os países nórdicos, todos eles comparten algúns trazos comúns. Estes inclúen o apoio a un estado de benestar "universalista" dirixido especialmente á mellora da autonomía individual e á promoción da mobilidade social; un sistema corporativista que implica un acordo tripartito onde representantes dos traballadores e empresarios negocian salarios e políticas laborais coa mediación do goberno;[5] e un compromiso coa propiedade privada xeneralizada, o mercado libre e o libre comercio.[4]
Cada un dos países nórdicos ten os seus propios modelos económicos e sociais, ás veces con grandes diferenzas con respecto aos dos seus veciños.[6] Segundo o sociólogo Lane Kenworthy, no contexto do modelo nórdico, a "socialdemocracia" é unha serie de políticas que promocionan seguridade económica e oportunidade no marco do capitalismo en vez de ser un sistema que o substitúa.[7]