Moedas do franco suízo
artigo de listas da Wikimedia / From Wikipedia, the free encyclopedia
As moedas do franco suízo son as emitidas a nome da Confederación Helvética, de curso legal neste país desde 1850 e en Liechtenstein[1] a partir de 1924, coa unidade e os múltiplos expresados en francos suízos e os divisores en rappen ou céntimos.
Debido á estabilidade política e monetaria da Confederación Helvética, os deseños das moedas do franco suízo non sufriron grandes cambios desde a súa introdución, á parte das modificacións nas aliaxes provocadas pola escaseza ocasionada pola primeira e a segunda guerras mundiais, así como polo aumento do prezo dos metais utilizados na súa composición.
As moedas do franco suízo teñen a particularidade de ser neutras con respecto ás catro linguas oficiais do país, xa que o nome do país está expresado en latín —CONFOEDERATIO HELVETICA— e o valor facial indícase coa abreviatura "Fr.", válida para franc en francés e en romanche, para franken en alemán e para franco en italiano, en tanto que as moedas divisionarias amosan unicamente a cantidade, sen alusión á unidade.
O código ISO 4217 é CHF, baseado na denominación do país en latín (CH) e na inicial do nome da moeda (F), común ás catro linguas.[2]
Actualmente, todas as moedas están cuñadas na Casa da Moeda de Suíza (Swissmint), en Berna, aínda que a produción dos discos sobre os que se cuñan as moedas se subcontrata a outras empresas desde 1968.[3] A cantidade de exemplares que compón cada tiraxe decídea o Departamento Federal de Finanzas, de acordo co Banco Nacional Suízo.[4]