Nova (astronomía)
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha nova ou nova clásica é un evento astronómico que causa a repentina aparición dunha estrela brillante "nova", que non existía con ese brillo previamente, o cal lentamente se esvae ata non poder verse ao cabo dunhas semanas ou de moitos meses, todo o cal é resultado de repentinas e masivas reaccións nucleares na estrela. As novas non deberían confundirse con outros fenómenos astronómicos moito máis enerxéticos como as supernovas, nos cales se destrúen catastroficamente estrelas masivas ou ananas brancas.
As causas da súa rechamante aparición varían dependendo das circunstancias das súas estrelas proxenitoras, pero teñen en común ser estrelas binarias próximas, nas que unha delas é unha anana branca, ou ambas son ananas vermellas en proceso de emerxer. Hai varias clases de novas, baseándose nas diferentes circunstancias da súa formación, como as novas clásicas, novas recorrentes, novas ananas, novas vermellas luminosas. Todas forman parte dun tipo de estrelas variables chamadas en conxunto estrelas variables cataclísmicas, que comparten algunhas propiedades comúns con sistemas binarios próximos.
O tipo máis común de novas son as erupcións de novas clásicas. Son creadas probablemente nun sistema de estrelas binarias próximas que consta dunha anana branca e outra compañeira que pode ser unha estrela da secuencia principal, unha subxigante ou unha xigante vermella. Cando o período orbital está no rango de varios días a un día, a anana branca está suficientemente próxima á súa estrela compañeira como para empezar a arrastrar material por acreción sobre a superficie da anana branca, o cal crea unha atmosfera densa pero fina na estrela anana. Esta atmosfera feita principalmente de hidróxeno é quentada termicamente pola estrela anana branca quente, que finalmente alcanza unha temperatura crítica, e isto dá lugar a unha rápida ignición desbocada por fusión nuclear. A partir das enormes e repentinas enerxías creadas, a atmosfera na que agora se consome o hidróxeno na fusión é despois expulsada violentamente ao espazo interestelar, e o brillo da súa envoltura vese como unha luz visible orixinada polo evento da nova. Unhas poucas novas orixinan restos de nova de curta vida,[1] que poden durar uns séculos. Os procesos de novas recorrentes son iguais aos das novas clásicas, agás en que nelas a ignición por fusión é repetida porque a estrela compañeira pode outra vez alimentar coa súa materia a atmosfera densa da anana branca.
A aparición de novas ocorre principalmente no ceo ao longo de toda a Vía Láctea, pero xeralmente concéntrase preto do centro galáctico observado en Saxitario. Porén, tamén é posible que aparezan en calquera parte do ceo. As novas son moito máis frecuentes que as supernovas galácticas, cunha media de aparición de dez novas por ano. A maioría encóntranse usando o telescopio, e poucas chegan a ter brillo dabondo como para ser vistas a simple vista; destas quizais só hai unha cada doce a dezaoito meses. As novas que chegan á 1ª e 2ª magnitude só aparecen unhas poucas veces por século. A última nova brillante que apareceu foi V1369 Centauri, o 14 de decembro de 2013, que tiña unha magnitude de 3,3.