Obxeccións á evolución
From Wikipedia, the free encyclopedia
Desde que as ideas evolutivas adquiriron importancia no século XIX, eruditos, teólogos e persoas correntes formularon ao longo do tempo diversas obxeccións á evolución. Cando Charles Darwin publicou o seu libro de 1859 A orixe das especies, a súa teoría da evolución (a idea de que as especies se orixinaron por descendencia con modificación a partir dun só antepasado común nun proceso impulsado principalmente pola selección natural) encontrou inicialmente a oposición de científicos que tiñan diferentes teorías, pero finalmente acabou por recibir unha esmagadora aceptación entre a comunidade científica. A observación de que o proceso evolutivo realmente ocorre (así como a síntese evolutiva moderna que explica esa evidencia) é algo que non é controvertido entre a corrente principal de biólogos desde a década de 1940.
Desde entón, a maioría das críticas e negacións da evolución proceden de fontes relixiosas en lugar de da comunidade científica. Aínda que moitas relixións, como as que avogan pola evolución teísta, aceptaron a realidade da evolución, algunhas crenzas relixiosas rexeitan as explicacións evolutivas en favor da doutrina do creacionismo (a crenza de que unha deidade creou o universo e a vida por medio da aplicación de procesos sobrenaturais). Isto presenta nalgúns países o que aparenta ser un conflito entre relixión e ciencia, que nos países occidentais é especialmente relevante nos Estados Unidos.
O moderno creacionismo inclúe movementos como a chamada ciencia da creación, o neocreacionismo e o deseño intelixente, que argumentan que a idea de que a vida está directamente deseñada por un deus ou intelixencia é polo menos tan científica coma a teoría evolutiva, e debería, por tanto, ensinarse na educación pública. Tales argumentos contra a evolución foron ampliados e comprenden obxeccións ás evidencias científicas da evolución, metodoloxía, plausibilidade, moralidade e aceptación científica. Porén, a comunidade científica, non recoñece esas obxeccións como válidas, e sinala as incorrectas interpretacións que fan os detractores da evolución de cousas como o método científico, as probas, e as leis físicas básicas.