Plaça d'Espanya
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Plaça d'Espanya (en galego: Praza de España) de Barcelona é unha das prazas máis significativas da capital catalá. Foi construída durante a Exposición Internacional de 1929, segundo un proxecto elaborado por Josep Puig i Cadafalch e Guillem Busquets e finalizado por Antoni Darder. Con 34.000 metros cadrados é a segunda maior praza de España,[1] tras a Praza de España de Madrid, e por diante da Plaça de Catalunya de Barcelona.
É un importante centro do tránsito da cidade, ao confluír nela a Gran Via de les Corts Catalanes, a Avenida do Paral·lel, a rúa Tarragona, a rúa Creu Coberta e a Avenida María Cristina, a través da que se accede á zona de Montjuïc, e onde se sitúa a Feira de Mostras e o Museo Nacional de Arte de Cataluña. Outros edificios importantes da praza son o Centro Comercial Les Arenes (antiga praza de touros, obra de estilo neomudéxar de August Font i Carreras) e o Hotel Plaça, así como as chamadas Torres Venecianas, obra de Ramon Reventós, construídas para a Exposición de 1929. Tamén se atopan o Instituto Municipal de Educación e unha comisaría dos Mossos d'Esquadra.
A nivel de transportes, atópase a Estación de Plaça Espanya das liñas 1 e 3 do Metro de Barcelona, e outra homónima dos Ferrocarrils de la Generalitat de Catalunya.