Plan Xeral de Ordenación Municipal
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Plan Xeral de Ordenación Municipal (abreviado PXOM) é o instrumento de planeamento urbanístico básico a nivel local en Galicia. É o instrumento polo que se planifica unha ordenación integral do territorio ou de diversos municipios. De acordo coa lexislación do Estado español e das súas respectivas comunidades autónomas, ten por obxecto o establecemento da ordenación do territorio planeado, definindo o modelo de utilización do solo a longo termo (modelo de cidade)[1] que resulta da ponderación cualitativa e cuantitativa dos datos e conclusións dos estudos previos realizados para o efecto e das diferentes alternativas de planeamento formuladas.
A ordenación integral do territorio dun ou varios concello comprende obrigatoriamente:[2]
- A clasificación do solo que vincula todo o do territorio planeado cun destino urbanístico básico así coma o correspondente réxime xurídico.
- A definición dos elementos fundamentais da estrutura xeral da ordenación urbanística do territorio planeado, isto é as vías de comunicación principais, os equipamentos e servizos comunitarios máis relevantes e as zonas verdes ou de lecer.
- A fixación do programa para o desenvolvemento e execución das correspondentes previsións, así coma o período mínimo de vixencia do propio plan.
No ano 2010, só un 40% dos concellos galegos dispoñían dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (128 de 315 concellos).[3]