Primeira división española 2011/12
From Wikipedia, the free encyclopedia
A tempada 2011/12 da Primeira División Española de fútbol foi a 81ª edición desta competición. Comezou o 27 de agosto de 2011 e finalizou o 13 de maio de 2012. Inicialmente estaba previsto que dese comezo o día 20 de agosto, pero a AFE, co apoio dos futbolistas, convocou unha folga como medida de presión para conseguir mellores condicións no convenio colectivo, polo que non se puido disputar a primeira xornada de liga na data fixada. Isto deu lugar a que se aprazase a xornada inaugural para a fin de semana do 22 de xaneiro de 2012 e, a vixésima, para o 2 de maio do mesmo ano.
O Deportivo da Coruña, por primeira vez en 20 anos, non participou na categoría; en cambio, regresou á mesma o Betis tras dous anos de ausencia, acompañado polo Rayo Vallecano, cuxa última participación produciuse na tempada 2002/03, e o Granada, que estivo presente por última vez na campaña 1975/76.
O Real Madrid coroouse campión cunha marca de 100 puntos, conseguindo así o seu 32º título de Liga. Ademais, tamén logrou bater outros rexistros históricos como o de equipo máis goleador, con 121 tantos, e o de maior número de vitorias nunha tempada, con 32. Por outra parte, o Málaga clasificouse, por primeira vez na súa historia, para disputar a rolda previa da Liga de Campións, mentres que o Levante fixo o propio finalizando en postos de acceso á UEFA Europa League.
Barcelona e Valencia xogarán xunto co campión a Liga de Campións, mentres que Atlético de Madrid e Athletic Club, como subcampión de Copa, acompañarán ao Levante na UEFA Europa League. Finalmente, Villarreal, Sporting de Gijón e Racing de Santander perderon a categoría logo de 12, 4 e 10 tempadas consecutivas respectivamente na máxima categoría.