Prosa galega medieval
From Wikipedia, the free encyclopedia
A prosa galega medieval, ou aínda prosa galego-portuguesa medieval, é o nome da literatura producida na Idade Media no romance hispano occidental.
A brillantez do lirismo trobadoresco determinou que durante tempo, e aínda na visión dalgúns analistas actuais, se viñese considerando a prosa como a súa "irmá menor" no conxunto do legado medieval galego. Porén, a realidade é que, a pesar de que a narrativa galego-portuguesa medieval non alcanza os momentos de esplendor da lírica, non deixa de ser certo que presenta un volume de textos que demostra tanto unha perfecta relación coas correntes dominantes na Europa da época como a presenza dun normal desenvolvemento da lingua (que se verá truncado polas circunstancias socio-históricas que concorren na fin da Idade Media). Deste xeito, cómpre indicar que contamos cun importante legado de prosa galega -ou galego-portuguesa- medieval que está a ser revalorizado pola crítica actual.
Algúns estudosos medievalistas fan unha clasificación cronolóxica en dous períodos: galego-portuguesa (séculos XIII e XIV) e prosa galega e prosa portuguesa (século XV).