Rally Cataluña
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Rally Cataluña (orixinalmente e en catalán Rally Catalunya), oficialmente RallyRACC Catalunya-Costa Daurada (Rally de España), é unha proba automobilística de rally que se disputa anualmente en Cataluña, no nordeste de España, desde o ano 1957 e organizada polo RACC. É puntuable para o Campionato Mundial de Rally desde 1991 e foi puntuable para o Campionato de España de Rally desde 1973 até 2000 e para o Campionato de Europa de Rally desde 1980 até 1990.
Tamén foi puntuable nos campionatos paralelos do Campionato do Mundo, para o Campionato Mundial de Rally Júnior (2001-2010, 2012-2013), para o WRC3, anteriormente Campionato de Produción (1991-1993, 1995-2001, 2011-2014) e para o WRC2, inicialmente Campionato Super 2000, desde 2012.
Os pilotos españois e franceses son os grandes dominadores da proba onde se impuxeron en trinta e nove ocasións. O equipo Citroën foi imbatible en Cataluña desde 2005 até 2012 con Sébastien Loeb, que venceu en oito ocasións de xeito consecutivo e con tres automóbiles diferentes. Os pilotos franceses, con dezanove vitorias, lograron ademais o dobrete en tres ocasións: 1999, 2001 e 2003. Por marcas, Citroën é a que conta con máis triunfos con nove (1999, 2005-2013), seguida de Lancia con oito (1976, 1983, 1985-1990).
A organización é unha das máis profesionais do Mundial, onde máis de 3000 persoas traballan para levala a cabo. O rally dispútase en asfalto e terra dende 2010.[1] Anteriormente disputouse integramente en asfalto, salvo nas primeiras edicións. É, xunto aos rallys de Montecarlo, Alemaña e Alsacia, os únicos do mundial que se disputan sobre asfalto.