Raposo común
especie de raposo máis común / From Wikipedia, the free encyclopedia
O raposo común[3] (Vulpes vulpes), tamén coñecido simplemente como raposo, raposa ou golpe[4] nalgunhas zonas ó norte de Galicia, é a meirande especie de raposo e un dos membros máis espallados no mundo da orde dos carnívoros, estando presente en todo o hemisferio norte dende o círculo polar ártico até o norte de África, América do Norte e Eurasia. Está clasificada como unha especie pouco preocupante pola IUCN.[1] A súa área de distribución medrou paralelamente coa expansión humana, sendo introducido en Australia, onde é considerado prexudicial para os mamíferos nativos e as poboacións de aves. Por mor da súa presenza en Australia, está incluído na lista das 100 especies invasoras máis daniñas do mundo.[5]
Raposo Rango fósil: Plistoceno medio ata o presente | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Raposo europeo (V. v. crucigera), Surrey | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Vulpes vulpes (Linnaeus, 1758)[2] | |||||||||||||||||
Distribución en Galicia | |||||||||||||||||
Distribución do raposo no mundo nativo introducido presenza incerta | |||||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||
|
O raposo común provén de devanceiros máis pequenos de Eurasia durante o período Villafranchiense medio,[6] e colonizou América do Norte pouco despois da glaciación de Wisconsin.[7] Entre tódolos raposos, o raposo común representa a forma máis evolucionada en termos de alimentación carnívora.[8] Ademais do seu tamaño maior, o raposo común diferénciase doutras especies de raposo pola súa grande habilidade de adaptarse a novos ambientes. Malia que tamén é coñecido como raposo vermello, a especie a miúdo produce individuos con outras cores, incluíndo exemplares con leucismo e melanismo.[8] No presente están recoñecidas corenta e cinco subespecies,[9] que están divididas en dúas categorías: os meirandes raposos do norte, e os máis cativos, os raposos basais de Asia e o norte de África.[8]
Os raposos adoitan estar xuntos en parellas ou pequenos grupos formados por familias, como dous pais adultos e as súas crías, ou un macho con varias femias con relacións de parentesco. As crías permanecen a carón dos seus pais para axudarlles a coidar novas crías.[10] Aliméntanse principalmente de pequenos roedores, malia que tamén poden cazar coellos, galináceas, réptiles, invertebrados[8] e crías de ungulados.[8] En ocasións tamén comen froitas e vexetais.[11] Malia que o raposo común adoita matar depredadores máis pequenos ca el, como outras especies de raposos, é vulnerable ó ataque de depredadores meirandes, como lobos, coiotes, chacais dourados e félidos de tamaño medio e grande.[12]
A especie ten unha longa historia de asociación cos humanos, sendo cazada extensivamente como unha praga e pola súa pelaxe durante séculos, así como a súa representación no folclore e na mitoloxía de moitas culturas. Por mor da súa ampla distribución e gran poboación, o raposo común é un dos animais máis importantes para a industria da peletaría.[13] Pequeno de máis para supoñer unha ameaza para os humanos, beneficiouse amplamente da presenza de hábitats humanos, e tivo moito éxito na colonización de áreas urbanas e suburbanas. A domesticación do raposo común está en proceso en Rusia, e deu como resultado o raposo doméstico.