Roger Waters
From Wikipedia, the free encyclopedia
George Roger Waters, nado o 6 de setembro de 1943, é un cantante, compositor e baixista inglés. No ano 1965 cofundou a banda de rock progresivo Pink Floyd xunto co batería Nick Mason, o teclista Rick Wright e o guitarrista, cantante e compositor Syd Barrett. Waters inicialmente serviu como baixista do grupo, pero despois da marcha de Barrett en 1968 converteuse tamén no seu letrista, líder conceptual e co-vocalista.
Pink Floyd conseguiría un grande éxito internacional cos álbums conceptiuais The Dark Side of the Moon, Wish You Were Here, Animals e The Wall. Cara principios dos anos 80 convertérase nunha das bandas máis aclamadas pola crítica e de máis vendas na historia da música popular; no ano 2013 levaba vendidos máis de 250 millóns de álbums en todo o mundo. No medio de diferenzas creativas dentro do grupo, Waters marchou en 1985 e iniciou unha disputa legal cos membros que quedaron polo uso do nome do grupo e do material. A disputa resolveuse en 1987 e pasarían case 18 anos antes de que tocase novamente con eles.
A carreira en solitario de Waters inclúe tres álbums de estudio: The Pros and Cons of Hitch Hiking, Radio K.A.O.S. e Amused to Death. En 1990 realizou un dos concertos de rock máis grandes e extravagantes da historia, The Wall – Live in Berlin, cunha asistencia oficial de 200.000 persoas. Como membro de Pink Floyd , foi introducido no Rock and Roll Hall of Fame estadounidense en 1996 e no Music Hall of Fame británico en 2005. Ese mesmo ano publicou Ça Ira, unha ópera en tres actos cun libreto escrito por Étienne e Nadine Roda-Gils sobre a Revolución Francesa. Posteriormente nese mesmo ano, reuniuse con compañeiros de Pink Floyd Nick Mason, Rick Wright e David Gilmour para o evento de concienciación global Live 8; foi a primeira aparición do grupo con Waters dende 1981. Waters ten xirado extensamente como artista en solitario dende 1999 e tocou enteiramente The Dark Side of the Moon para a súa xira mundial de 2006–2008. En 2010 iniciou The Wall Live e no ano seguinte Gilmour e Mason apareceron con el durante unha actuación do álbum en Londres.