Six moments musicaux (Rakhmáninov)
From Wikipedia, the free encyclopedia
Six Moments Musicaux (en galego Seis momentos musicais; ruso: Шесть Музыка́льных Моме́нтов, Shest’ Muzykál’nykh Moméntov), Op. 16, son unha serie de pezas para piano solista compostas polo compositor ruso Serguéi Rakhmáninov entre outubro e decembro de 1896.[1] Os Moments musicaux constan dun grupo de seis obras separadas que reproducen formas musicais características de períodos musicais anteriores. As formas que aparecen na obra de Rakhmáninov son o nocturno, a canción sen palabras, a barcarola, un virtuoso estudo e o tema con variacións.[2]
As pezas consideradas individualmente teñen sido descritas como «verdadeiras pezas de concerto, sendo máis apreciadas no escenario cun piano de cola».[3] A pesar de ser compostas como parte dunha serie, cada peza pode ser interpretada individualmente como un solo de concerto cos seus propios temas e ambientes.[2] Abranguen unha ampla variedade de temas dende unha sombría marcha fúnebre presente no número tres ao maxestoso canon do número seis, os Moments Musicaux constitúen tanto unha revolución no xénero como unha volta á composición para piano só de Rakhmáninov.[3] Unha interpretación habitual adoita durar uns trinta minutos.[2][4]
Nunha entrevista que tivo lugar en 1941, Rakhmáninov afirmou, «o que intento facer, ao transcribir a miña música, é dicir de xeito directo e simple o que o meu corazón sente ao compoñer».[lower-alpha 1][5] A pesar de ter composto os Moments Musicaux por encontrarse en apuros económicos,[6] as pezas resumen o seu saber na composición para piano ata o momento.[1] O Andantino comeza a serie cunha longa e reflexiva melodía que se desenvolve ata acadar un rápido clímax.[6] A segunda peza, o Allegretto, é a primeira das poucas da serie que revelan a súa mestría na técnica pianística.[7] O Andante Cantabile é un contraste entre as dúas pezas que a rodean, explicitamente denominadas marcha fúnebre e lamento.[1][8] O Presto obtén a súa inspiración de varias fontes, entre as que se encontran os Preludios de Frédéric Chopin, sintetizadas nunha explosión de intensidade melódica.[1] A quinta peza da serie, denominada Adagio sostenuto, é un respiro en forma de barcarola, antes do final Maestoso, que conclúe a serie cunha grosa textura en tres partes.[7] En Six Musical Moments, Rakhmáninov ilustra completamente, nas súas propias palabras, «o que o meu corazón sente».[5]