Talos (autómata)
autómata de bronce, gardián de Creta / From Wikipedia, the free encyclopedia
Talos (ou Talo) é unha criatura da mitoloxía grega, un autómata feito todo el de bronce [1] creado por Dédalo, arquitecto e inventor que traballaba para Minos, o rei de Creta, ou por Hefesto, que o regalara a Minos [2]. Tamén se di que fora obra de Zeus, creada para protexer a illa da súa amada Europa. Por último, unha tradición di que era o último representante na terra da raza de bronce [3].
Atribúeselle un fillo: Leuco, de quen se conta que mantivo relacións adúlteras con Meda, a esposa de Idomeneo [4] mentres este loitaba na Guerra de Troia; este Leuco foi abandonado polo seu pai e acollido por Idomeneo, a quen confiou a súa casa mentres el estaba ausente na guerra. Pero Leuco non só seduciu ás esposa do seu protector, senón que logo a matou, xunto á súa filla Clisitera. Por todo isto, cando regresou felizmente Idomeneo, cegou a Leuco, se ben outras versións din que este foi quen desterrou a aquel [5].
En calquera caso, a súa función era vixiar continuamente as costas de Creta, para o cal daba voltas incansablemente ó redor da illa, ata tres voltas diarias, impedindo así a entrada de estranxeiros e a saída dos seus habitantes se non contaban coa autorización de Minos [6].
Talos estaba armado, preferentemente con grandes pedras que era quen de lanzar a gran distancia, afundindo así os barcos que se achegaban á illa. Se aínda así, algún forasteiro conseguía chegar a terra, Talos capturábao e, tras quentar o seu corpo metálico ó lume vivo, abrazábao ata matalo abrasado.
Por tratarse dun ser metálico, Talos era invulnerable, aínda que tiña o seu punto débil: na parte inferior das pernas tiña unha vea pechada cunha caravilla de bronce [7].
"Tiña unha soa vea, que ía desde o pescozo ata os pés, e no extremo da vea axustábase un cravo de bronce"Pseudo-Apolodoro I, 9.26
E grazas a isto puido ser vencido polos Argonautas no seu periplo de regreso da Cólquida. Talos intentou rexeitalos coas súas pedras cando os viu aproximándose, pero Medea, a compañeira de Xasón, convenceuno de que se faría inmortal se bebía dun bebedizo que tiña ela. A bebida contiña un somnífero e cando Talos caeu durmido, sacoulle o cravo que pechaba a vea, de modo que Talos se desangrou.
Pero tamén se di que foi un dos Argonautas, Peante, pai de Filoctetes, quen lle atravesou a vea coas súas frechas [8] ou que, enfeitizado polos ollos de Medea, tropezou, caeu e feriuse no calcañar, desangrándose [9].