The Hobbit (triloxía)
adaptación cinematográfica da novela O hobbit / From Wikipedia, the free encyclopedia
The Hobbit é a adaptación cinematográfica da novela O hobbit, publicada en 1937 e escrita polo filólogo británico J. R. R. Tolkien. Dividiuse en tres filmes épicos de fantasía, acción e aventuras: The Hobbit: An Unexpected Journey, The Hobbit: The Desolation of Smaug e The Hobbit: The Battle of the Five Armies.[1] A crise da Metro-Goldwyn-Mayer atrasou o proxecto.[2] En Galicia estreouse a primeira parte en castelán o día 14 de decembro de 2012, tamén en 3D.
O Hobbit (triloxía) | |
---|---|
O outeiro de Hobbiton | |
Ficha técnica | |
Título orixinal | The Hobbit |
Director | Peter Jackson |
Produtor | Peter Jackson Mark Ordesky Fran Walsh |
Guión | Philippa Boyens Peter Jackson Guillermo del Toro Fran Walsh |
Baseado en | O hobbit de Tolkien |
Intérpretes | Ian McKellen Martin Freeman Richard Armitage Dean O'Gorman Aidan Turner Graham McTavish John Callen Stephen Hunter Mark Hadlow Peter Hambleton James Nesbitt Adam Brown Cate Blanchett Andy Serkis Christopher Lee Hugo Weaving Orlando Bloom Evangeline Lilly Barry Humphries Luke Evans Benedict Cumberbatch |
Música | Howard Shore |
Distribuidora | Metro-Goldwyn-Mayer (global) New Line Cinema (América do Norte) |
Estrea | 2012, 2013 e 2014. |
Orixe | Nova Zelandia Reino Unido |
Xénero | Aventuras, fantasía |
Orzamento | $745.000.000 |
Recadación | $2.333.501.967 |
Filme anterior | Triloxía d'O Señor dos Aneis (O regreso do Rei) |
Na rede | |
http://www.thehobbit.com | |
O proxecto foi abordado polo neozelandés Peter Jackson, director da triloxía cinematográfica The Lord of the Rings baseada nas novelas d' O Señor dos Aneis, sucesora d' O hobbit; actuando dende un primeiro momento coma produtor e principal impulsor da idea. Porén, neste caso Jackson apartárase da dirección, e os filmes ían ser dirixidos polo mexicano Guillermo del Toro; mais este rexeitouno a finais de maio de 2010, por mor do retardo no comezo da filmación polos problemas financeiros que atravesaba a casa produtora Metro Goldwyn Mayer.[3][4] Jackson tomou logo a decisión de se facer cargo de ambas as dúas facetas do proxecto de The Hobbit, como xa fixera con The Lord of the Rings.[5] Malia o rexeitamento de Del Toro, ambos os dous se encargaron do guión dos filmes, xunto a Philippa Boyens e Fran Walsh, dona de Jackson.[6]
Os estudios Warner Bros. e a MGM confirmaron o 1º de setembro de 2012 as datas das estreas, así como os títulos definitivos dos tres filmes, unha vez Jackson decidira finalmente que o proxecto sería unha triloxía e non unha biloxía como establecera inicialmente. A primeira, The Hobbit: An Unexpected Journey (en galego: O hobbit: Unha viaxe inesperada), chegou aos cinemas o 13 de decembro de 2012; a segunda, The Hobbit: The Desolation of Smaug, estreouse o 13 de decembro de 2013; e a terceira, The Hobbit: The Battle of the Five Armies, o 17 de decembro de 2014 (en Galicia todas en versión castelá).[1]