Voo 571 da Forza Aérea Uruguaia
accidente aéreo na cordilleira dos Andes (1972) / From Wikipedia, the free encyclopedia
O accidente do voo 571 da Forza Aérea Uruguaia aconteceu o venres 13 de outubro de 1972, cando o Fairchild FH-227D, un voo chárter que o día anterior engalara de Montevideo con destino Santiago de Chile, se estrelou na cordilleira dos Andes. O accidente aéreo e a posterior supervivencia dalgúns dos pasaxeiros pasarían a coñecerse en castelán coma «tragedia de los Andes» e «milagro de los Andes», é dicir, «traxedia dos Andes» e «milagre dos Andes», respectivamente.
Voo 571 da Forza Aérea Uruguaia | |
---|---|
Resumo | |
Data | 13 de outubro do 1972 |
Causa | Voo controlado contra o terreo debido a un erro do piloto |
Lugar | Glaciar de las Lágrimas, Departamento Malargüe, Provincia de Mendoza, Arxentina, a 3500 m s. n. m. nos Andes, a 1200 m da fronteira con Chile |
Finados | 29 |
Aeronave | |
Pasaxeiros | 40 |
Tripulación | 5 |
Superviventes | 16 |
Mentres o avión cruzaba os Andes, as nubes agochaban as montañas.[1] Os pilotos creron erroneamente que a aeronave xa sobrevoara Curicó, onde viraría ao norte para iniciar o seu descenso cara o Aeroporto Los Cerrillos da capital chilena. Non se decataron de que as lecturas dos instrumentos indicaban que aínda se atopaban a entre 60 e 70 km de Curicó.
A aeronave comezou a descender antes de tempo mentres aínda sobrevoaba os Andes, impactando deste xeito contra o fío dunha montaña. As dúas ás e a sección da cola desprendéronse da fuselaxe. O resto da fuselaxe escorregouse pola montaña a unha velocidade aproximada de 350 km/h, descendeu uns 750 m e estrelouse contra o xeo e neve do glaciar Las Lágrimas a 3570 m s. n. m. na Provincia de Mendoza, en Arxentina, a tan só 1200 m da fronteira con Chile. As autoridades comezaron decontado a busca do avión e sobrevoaron o lugar do accidente varias veces durante os seguintes días, mais non acadaron enxergar a branca fuselaxe sobre a neve. O 21 de outubro, cancelouse a busca.
A aeronave transportaba a cinco tripulantes e cuarenta pasaxeiros, incluídos dezanove membros do equipo de rugby Old Christians Club, xunto a algúns familiares, simpatizantes e amigos.[2] Tres membros da tripulación e dez pasaxeiros morreron a causa do impacto, mentres que catro persoas finaron durante a primeira noite debido ás xélidas temperaturas e ás súas graves feridas. Nas semanas posteriores finaron doce máis, de entre elas, oito por mor dun alude.