Xoán VI de Portugal
From Wikipedia, the free encyclopedia
Xoán VI de Portugal, nado en Lisboa o 13 de maio de 1767 e finado na mesma cidade o 10 de marzo de 1826,[1] alcumado o Clemente, foi rei do Reino Unido de Portugal, Brasil e Algarve desde 1816 a 1822, de facto, e desde 1822 ata 1825, de iure. Desde 1825 foi rei de Portugal ata a súa morte en 1826. Polo Tratado do Río de Xaneiro, que recoñecía a independencia do Brasil do Reino Unido de Portugal, Brasil e Algarve, Xoán VI tamén foi emperador titular, aínda que foi o seu fillo Pedro I, o emperador do Brasil de facto.
Foi un dos últimos representantes do absolutismo, Xoán VI viviu un período tumultuoso e o seu reinado non coñeceu unha paz duradeira. Non esperaba converterse en rei; só foi herdeiro da Coroa trala morte do seu irmán máis vello, Xosé. Asumiu a rexencia cando a súa nai, María I foi declarada mentalmente incapaz. Tivo que enfrontarse coa constante inxerencia nos asuntos do reino de nacións máis poderosas, sobre todo España, Francia e Inglaterra. Obrigado a fuxir de Portugal pola invasión napoleónica, chegou a Brasil, enfrontouse a revoltas liberais, similares ás da metrópole e foi obrigado a volver a Europa no medio de novos conflitos. O seu matrimonio tamén foi accidentado e a súa esposa, Carlota Xoaquina de Borbón, conspirou contra el en diversas ocasións en favor de intereses persoais ou de España, o seu país natal. Perdeu Brasil cando o seu fillo Pedro proclamou a independencia e viu ó seu outro fillo Miguel, rebelarse para depoñelo. Finalmente, comprobouse que morreu envelenado.
Creou no Brasil diversas institucións e servizos que foron a base da autonomía nacional, polo que para moitos investigadores é o verdadeiro mentor do Estado brasileiro. Malia iso, é hoxe un dos personaxes máis ridiculizados da historia luso-brasileira e acúsaselle de indolente, falta de tino político e constante indecisión, sen falar que a súa persoa foi retratada frecuentemente como grotesca, o que, segundo a historiografía máis recente, é na maior parte dos casos unha imaxe inxusta.